Paula Prado defende Altri desde unha comida en Cangas e atribúe a manifestación contra a pasteira "fundamentalmente" ao BNG

Paula Prado, terceira pola esquerda, este domingo durante a comida do PP en Cangas. (Foto: Nós Diario)
Ante os milleiros de persoas que se manifestaron, Prado defendeu a postura da formación popular, e deixou claro que "seguirán traballando" para que "haxa industria sempre respectando o medio ambiente", dixo en alusión ao visto bo ao proxecto de Altri.

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, afirmou que o seu partido "seguirá traballando" para que na Galiza haxa industria e emprego e todo iso sexa "respectando o medio ambiente", desta maneira reaccionou a representante popular á multitudinaria manifestación que tivo lugar en Santiago de Compostela contra Altri.

Prado fixo estas declaracións este domingo durante a comida de Nadal que organizou a agrupación local do partido en Cangas (O Morrazo), que decorreu ao mesmo tempo que a multitudinaria protesta convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) en contra do proxecto Altri.

"En Santiago houbo esta mañá unha manifestación organizada, fundamentalmente, polo BNG que está instalado no pasado, e que non queren o progreso da Galiza, non queren industria e emprego", asegurou a secretaria xeral do PP.

Ante os milleiros de persoas que se manifestaron, Prado defendeu a postura da formación popular, e deixou claro que "seguirán traballando" para que "haxa industria sempre respectando o medio ambiente", dixo en alusión ao visto bo ao proxecto de Altri.

Neste sentido, insistiu en que o seu partido "non vai deixar en ningún caso" que se produza unha instalación "que non cumpra" coa normativa nin co medio ambiente. "Nunca imos apostar por unha industria que prexudique á Galiza", asegurou.

Milleiros de persoas en Compostela

Máis de 100.000 persoas, segundo a organización, e 40.000, segundo a estimación da Policía Local, percorreron as rúas de Santiago de Compostela para protestar contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa).

Baixo o lema 'A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non', a manifestación partiu da Alameda compostelá ao redor das 12 horas e os asistentes clamaron contra os plans da multunacional lusa nas rúas do centro da capital galega até chegar á praza do Obradoiro. 

"A cantidade de xente presente en Compostela obrigou á organización a baleirar e encher o Obradoiro en dúas ocasións e o manifesto tivo que ser lido dúas veces, mentres o Obradoiro estaba ateigado, parte da mobilización estaba aínda na Alameda na saída da marcha", salientou a organización.

"Unha hora despois do comezo da manifestación a Alameda seguía ateigada de xente cara ao Obradoiro. Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige", engadiron as organizacións convocantes da manifestación contra Altri en Compostela.