Os partidos fechan a campaña máis atípica chamando á mobilización nas urnas o 12-X

En Ferrol fechou o PP a campaña, o BNG fíxoo na Coruña, en Vigo o PSdeG, Galicia en Común finalizou en Compostela, e Marea e Ciudadanos en Pontevedra.
Rematou unha campaña inesquecíbel para as galegas e galegos. A contenda chegou á súa fin na sexta feira, 10 de xullo, entre máscaras, rebrotes, corentenas, pandemia e a firme vontade de Feixoo por votar o 12-X a pesar da situación epidemiolóxica. Todo fica aberto, sendo tan posíbel unha nova maioría absoluta do PP como que se produza un cambio de Goberno. 

Apenas quedan horas para que abran os colexios electorais. A campaña chegou á súa fin e as e os líderes políticos que aspiran a presidir Galiza despedírona chamando a votar polas súas candidaturas ante a expectación do que digan as urnas este domingo: ou cuarta lexislatura para Alberto Núñez Feixoo ou un Goberno liderado por Ana Pontón, por Gonzalo Caballero ou por Antón Gómez-Reino.

Feixoo pide unha nova maioría absoluta

O candidato do PP puxo o ramo á campaña electoral cun mitin en de Ferrol, logo de percorrer durante a sexta feira as outras seis cidades galegas. En todas elas repetiu a mesma mensaxe: "votade sen medo" ao virus. Galiza terá un Goberno que "siga gobernando coa pandemia e traballando para recuperar o emprego como prioridade", dixo o candidato popular.

"Neste momento é imprescindíbel ter un equipo que poida construír un Goberno no momento de maior dificultade e de  incerteza", subliñou Feixoo.

“Quen queira cambio que me siga”, di Pontón

Na Praza de María Pita (A Coruña) fechou a campaña a candidata do BNG, Ana Pontón, cun chamamento final á "mobilización masiva de todas as persoas que desexen abrir un tempo novo" e proclamou: "quen queira cambio galego que me siga”, apelando “a confiar nas nosas propias forzas para construír unha nova Galiza”.

“Quero pedirvos que fagamos historia concentrando no BNG todo o voto do cambio galego, que fagamos historia cunha muller presidenta liderando un Goberno coas mans libres para defender o noso futuro, o futuro da xente moza; que fagamos historia votando con ilusión, con esperanza, con orgullo para construír unha Galiza na que vivir, traballar e soñar. Fagamos historia votando BNG”, solicitou ante unha praza ateigada.

A candidata do Bloque pediu non deixarse influír por quen di que o resultado está escrito: “non aceptades un 'non' nin que vos digan que non hai futuro, porque o futuro non se escribe nas enquisas, escribímolo todas e todos, o pobo galego enchendo as urnas de votos ao BNG, para ter un Goberno leal con este país e coa súa xente", dixo. 

Pontón fixo unha apelación directa á xente moza, animándoa "a conquistar nas urnas o futuro". A nacionalista instou a xuventude a mobilizarse para que non lle rouben o futuro "os de sempre, coas mesmas políticas fracasadas, merecedes un futuro digno, no que non teñades que elixir entre precariedade ou coller as maletas”, proclamou.

Caballero pon o PSdeG como o voto útil 

O candidato do PSdeG á presidencia, Gonzalo Caballero, fechou no parque de Castrelos, en Vigo, a campaña electoral, asegurando que a "política da confrontación e a deslealdade" que caracteriza a acción de Feixoo é "parte do problema" dunha Galiza que hai que "desatascar" sacando o Partido Popular da Xunta e desfacendo o "funil" que o seu Goberno implica.

"Quero presidir Galiza para reconstruír un país loitando contra a desigualdade, defender a cidadanía que está en situacións de maior vulnerabilidade e fortalecer os servizos públicos como a sanidade e a educación". 

"Compoñente galeguista, reformista e socialdemocracia", eis a receita que a Galiza precisa, dixo Caballero, que asegurou sentirse orgulloso das siglas do Partido Socialista fronte a un Feixoo que "agocha" o logo do PP. 

O candidato do PSdeG asegurou ademais que hai unha maioría na cidadanía galega que quere cambio e para logralo "é necesario o voto útil de todos os progresistas ao PSdeG", aseverou. 

"Non somos nacionalistas, somos galeguistas, non somos rupturistas, somos reformistas e somos socialistas", apostilou.

A pesar de estar confirmada a presenza do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, finalmente non puido chegar ao mitin. "Lamento non poder viaxar a Vigo por unha avaría técnica no avión para estar cos compañeiros e compañeiras do PSdeG, apoiando o noso candidato  Gonzalo Caballero", sinalou o mandatario na súa conta de Twitter. "Fagamos que Galiza avance o 12-X. Enchamos as urnas de votos socialistas!", engadiu Pedro Sánchez.

Reino apela o 'Nunca Máis' para despedir Feixoo

 O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, proclamou no fechamento da campaña que "en tan só 48 horas abriremos paso á Galiza do futuro e deixaremos atrás a década escura de Feixoo cun Goberno galego que poña a xente no centro das súas políticas".

En Compostela, na Praza de Praterías, Reino destacou que “a Galiza que vén, xa está aquí, unha Galiza que coida de quen nos coida; que blinda os servizos públicos, o emprego de calidade e o seu tecido industrial onde agora atopamos cadaleitos; a Galiza que protexe o medio e loita contra o cambio climático, a Galiza que non  recúa nos dereitos das  mulleres, do rural vivo e a que quere uns medios públicos sen manipulación". 

Con Reino estivo tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que puxo en valor as políticas do Goberno español como "escudo social". Tamén acudiu a Compostela a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, así como as e os catro cabezas de lista ao Parlamento. 

Casal reivindica a Marea como terceira vía

A Marea Galeguista escolleu a cidade de Pontevedra para pór o ramo á campaña electoral. O seu candidato á Presidencia da Xunta, Pancho Casal, cualificou a formación como “a terceira vía que vai romper coa polarización” e rematar coa maioría absoluta de Núñez Feixoo. Casal relatou ademais as propostas da Marea a prol de fortalecer os servizos públicos e concluíu aseverando que "as certezas de Núñez Feixoo non son verdades, son corsés para o país”.

Pino quere "pór as pilas a Feixoo"

“Este domingo daremos a sorpresa para pór as pilas a Feixoo”. Así o asegurou a candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, desde Pontevedra no fechamento de campaña. Pino lembrou que Ciudadanos gañou "ao nacionalismo en Catalunya con Inés Arrimadas e ao PSOE en Andalucía" e animou a lograr a entrada da forza laranxa no Goberno da Xunta.