Marca histórica en Catalunya, cunha suba de 11,2 puntos

A participación sitúase até as 14 horas no 36,97%, case tres puntos máis que en 2016

[Imaxe: SG] Primeira hora da mañá no colexio electoral de Santa Cruz de Oleiros.

Os primeiros dados de participación nas eleccións ofrecidos polo Ministerio do Interior reflicten unha suba a respecto da participación rexistrada até as 14 horas nos comicios do 26 de xuño de 2016. Votou o 36,97% do censo.

As primeiras cifras de participación nas eleccións xerais, comunicadas polo Ministerio do Interior, reflicten unha suba de máis de case tres puntos porcentuais a respeito da cita electoral do 26 de xuño de 2016, cando a estas horas votara o 34,03% do censo electoral.

 

Até as 14 horas votou hoxe na Galiza o 36,97%, 2,9 puntos porcentuais de diferenza a respecto da participación rexistrada nos anteriores comicios, os que tiveron lugar o 26 de xuño de 2016.

 

Por circunscricións, na Coruña a porcentaxe de participación entre as 9 horas e as 14 horas situábase no 36,64% cando en 2016 se situaba no 33,29%. En Lugo, a participación era do 35,21 e en 2016, do 31,19%. En Ourense rexistrouse un 37,87% de participación fronte ao 34,73% das anteriores xerais. E en Pontevedra votou entre as 9 horas e as 14 horas desta xornada o 37,70% cando en 2016 a participación era do 35,85%.

 

No conxunto do Estado a suba é de 4,6 puntos

 

A nivel estatal, o aumento da participación aínda é maior. Até as 14 horas votou o 41,49% do censo, cando até a mesma hora en xuño de 2016 votara o 36,87%, 4,6 puntos máis.

 

Nas outras nacións sen Estado, a participación tamén é maior. En Catalunya o incremento foi de 11,2 puntos e marca un récord histórico. Así, mentres en 2016 a porcentaxe era de 32,31%, en 2019 chega ao 43,52%. En Euskadi a suba é algo menor que no caso catalán. Votou o 41,75% do censo, fronte ao 36,05% das pasadas xerais.

 

As seguintes cifras de participación coñeceranse ás 18.30 horas e as finais, ás 20 horas, cando fechen os colexios electorais. En 2016, a participación acadara na Galiza o 69,63% e nas anteriores, as de decembro de 2015 situárase no 61,53%. O Ministerio do Interior informará dos resultados provisionais das eleccións pasadas as 22 horas.