A denuncia que provocou a dimisión do conselleiro do Mar estaría fundamentada nun delito de agresión sexual por submisión química
A denuncia que levou o xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, a dimitir esta pasada cuarta feira —e que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou coñecer o pasado mes de febreiro— estaría fundamentada nun caso de agresión sexual mediante submisión química, segundo desvelou esta sexta feira El Programa de Ana Rosa, que cita fontes próximas á investigación.
Vilares, lembrou a xornalista deste espazo Laura Susín, é "veterinario de profesión", polo que tería "acceso a substancias" que poderían provocar esa submisión química. A vítima, segundo as mesmas fontes, espertou "espida e desorientada" na súa casa o día dos feitos —a finais do pasado mes de decembro—.
O seu sobriño, sempre partindo da información ofrecida polo programa de Telecinco, chamou entón ao servizo de emerxencias do 112 para que recibise atención médica. Días despois presentou a denuncia, da que Vilares informou ao presidente Rueda en febreiro e pola que o ex conselleiro está agora a ser investigado por un delito de agresión sexual.