Pablo Crespo, número dous da Gürtel, obtén a liberdade condicional tras 12 anos en prisión

Pablo Crespo á súa chegada á Audiencia Nacional, o 20 de outubro. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O exdirixente do PP galego e número dous da trama Gürtel, Pablo Crespo, foi posto en liberdade condicional tras cumprir máis dunha década en prisión, unha decisión xudicial baseada no baixo risco de reincidencia e no cumprimento de dous terzos da condena.

Pablo Crespo Sabaris, número dous da trama Gürtel, obtén a liberdade condicional esta sexta feira. Así, no auto de excarceración ditado polo xuíz de Vixilancia Penal da Audiencia Nacional, José Luis Castro, deféndese “o escaso risco de reincidencia” e o tempo pasado en prisión polo empresario, cumprindo o 12 de decembro dúas terceiras partes da súa condena despois de 12 anos en prisión.

Así, Crespo, que estaba condenado até 2031, deberá agora fixar un domicilio e comunicar calquera cambio, manter a súa actividade laboral e continuar aboando as responsabilidades civís. Coa súa saída, e tras a previa excarceración de Luis Bárcenas, só queda en prisión un dos principais cabecillas da trama, Francisco Correa, que actualmente se atopa en réxime de semiliberdade.

Home forte do PP galego e 65% dos cartos "en negro"

Crespo comezou a súa carreira política a mediados da década dos 80 presidindo o PP de Vilagarcía (O Salnés), cidade na que dirixía unha sucursal bancaria. Ascendeu a secretario de Organización do partido, entre 1995 e 1999Desde 1996 até 2005 representou a Consellaría de Ordenación do Territorio no Consello de Administración de Portos da Galiza. Foi electo deputado do Partido Popular pola circunscrición de Pontevedra en 1997, causando baixa o 14 de xullo de 1998 e entrando a substituílo a ponteareá Nava Castro. No PP galego era, en palabras do xornalista José Precedo, "o home do maletín".

O propio Crespo confesou en 2013 no programa de televisión Salvados que el propio entregaba sobres con cartos en B a dirixentes do PP galego. Asegurou, ademais —e ratificouno nunha comparecencia ante unha comisión no Congreso en 2018—, que por volta de 65% do financiamento das campañas electorais do PP galego era irregular e procedía de donativos de construtores. Crespo cifrou en 300.000 euros anuais os cartos (sen declarar) que recadaba para o partido.