A oposición cuestiona a xestión do 'caso Vilares' por parte de Rueda: "Non é digno de ser presidente"

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro. (Foto: Arxina)
O xefe do Executivo defende a actuación do Goberno e apela á presunción de inocencia.

OBNG e o PSdeG trasladaron esta cuarta feira na sesión de control unha pregunta directa ao presidente: Por que "encubriu" e mantivo como conselleiro e membro do Goberno durante catro meses —o prazo que vai desde que Alfonso Vilares informa a Rueda da denuncia até que dimite— un presunto agresor sexual? A pregunta ficou sen resposta. Como tampouco tiveron resposta por parte do titular do Executivo galego as cuestións que lle formularon sobre a ausencia de mensaxes de apoio ás vítimas de violencia de xénero ou sobre o proceder do seu Goberno arroupando o ex conselleiro do Mar. 

Rueda limitouse a apelar á "xustiza", a defender a "presunción de inocencia" de Vilares e a acusar nacionalistas e socialistas de "sectarismo" e de facer unha "utilización partidista" das vítimas da violencia machista. En definitiva, o argumentario que o presidente galego mantén desde a dimisión de Vilares, o pasado 4 de xuño. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "indignidade moral e política" o proceder do presidente da Xunta da Galiza e o seu Goberno neste caso. "Encubriu durante meses un presunto agresor sexual valéndose do seu cargo, un presunto agresor sexual que mantivo como conselleiro, que sentaba cada segunda feira [día da reunión semanal do Executivo] ao seu lado, que viaxaba en coche oficial e cobraba un soldo oficial", reprochou a líder nacionalista. "Vostede non é digno de ser presidente", afirmou Pontón, engadindo que "calquera persoa decente" destituiría o conselleiro, mais "vostede encubriuno durante meses" para despois facer da súa dimisión "unha saída pola porta grande, con aplausos e abrazos". 

O reproche de Pontón tamén alcanzou a actitude de Rueda cara á vítima. "Non tivo nin unha soa palabra de apoio, ao contrario", aseverou a nacionalista, que o acusou mesmo de "cuestionar" a denunciante, escribindo así, dixo, "a páxina máis indigna de 16 anos de Gobernos na Xunta" do Partido Popular". E, lembrou a portavoz do BNG, "a xente non o votou para encubrir un presunto agresor sexual".

"Ten información e non a conta"

"Tivo durante meses un conselleiro denunciado e ocultouno", acusou a Rueda o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. O socialista instou o presidente galego a "explicar" , na Cámara, esta actuación: "Non pode evadirse, o seu é un silencio que doe e avergoña".

Para Besteiro, Rueda demostra con este caso que "non está á altura do cargo" de presidente e representa xa "un problema para a Galiza".

Ante a falta de resposta do titular da Xunta á pregunta do líder do PSdeG —"co seu silencio di moito"—, este ofreceuse a contestala polo propio presidente. "Por que non cesou a Vilares? Porque ten vostede información problemática e non a conta". Besteiro tamén acusou o mandatario de "vitimizar" a denunciante, sinalando o círculo do Goberno como fonte da filtración do nome da denunciante. "Non dixo [nestes días] nin unha palabra contra a violencia machista", reprochoulle.

"Creo na xustiza"

Alfonso Rueda foi quen emprazou a oposición a facer da sesión de control ao presidente un monográfico sobre o 'caso Vilares'. A pasada segunda feira, após a reunión semanal do seu Executivo, avanzou que non ía comparecer na Cámara para dar explicacións sobre ese tema mais que se a oposición quería preguntarlle por el no punto da orde do día do pleno reservado ás preguntas ao presidente, el respondería. Mais non o fixo. As preguntas concretas de por que mantivo no cargo a Vilares ou por que o acto de dimisión do conselleiro e toma de posesión da súa substituta se converteron en "homenaxe institucional" ao imputado por agresión sexual non mereceron contestación. 

O presidente manifestou que compareceu en varias ocasións ante a prensa sobre o 'caso Vilares' e apelou á presunción de inocencia do ex conselleiro, lembrando a Besteiro a súa dimisión á fronte do PSdeG en 2016 tras ser imputado por dez delitos, todos eles arquivados. "O conselleiro renunciou en horas unha vez que o tema entrou en fase xudicial", dixo. "Creo na xustiza, que protexe as vítimas", afirmou, engadindo a respecto destas que "a Xunta traballa por elas". 

Estrea da nova conselleira

A nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, estreouse esta cuarta no Parlamento cunha intervención no pleno na que non fixo mención ao seu antecesor nin á polémica polos abrazos que lle deron tanto Alfonso Rueda, como ela mesma, no acto de toma de posesión do cargo.

Por outra parte, a proba toxicolóxica practicada á denunciante non atopou rastro de substancias que avalen que fose vítima dunha suposta submisión química por parte de Alfonso Vilares. Segundo recolle ABC citando fontes xudiciais que tiveron coñecemento da analítica, os resultados son negativos tanto en substancias compatíbeis co escenario da presunta submisión como en alcol.