A oposición critica a negativa da Xunta a negociar o modelo financiamento

Miguel Corgos, Noa Presas e Patricia igrexas, este 27 de xaneiro no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza - Nós Diario)
O conselleiro de Facenda pediu esta terza feira no Parlamento unha fronte común contra o modelo de financiamento do Goberno estatal, mentres BNG e PSdeG cargaron contra a posición da Xunta negarse a negociar.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, apelou esta terza feira no Parlamento da Galiza á unidade de todos os grupos para artellar unha "posición de país" fronte ao modelo de financiamento autonómico proposto polo Goberno do Estado español, que, segundo advertiu, situaría Galiza "peor financiada que nunca".

Na súa comparecencia no pleno, Corgos sostivo que tanto o novo sistema de financiamento como a proposta de condonación da débeda supoñen un prexuízo próximo aos 1.000 millóns de euros para o país. En concreto, cifrou en 600 millóns o incremento real da débeda e en 305 millóns a perda respecto da media das comunidades de réxime común. Ao seu xuízo, a chamada quita non é tal, senón unha "mutualización da débeda", xa que a redución de 4.000 millóns na débeda galega implicaría aumentar en 4.600 millóns a participación de Galiza na débeda do Estado.

O titular de Facenda denunciou que o modelo anunciado polo Executivo de Pedro Sánchez substitúe a solidariedade pola ordinalidade, favorecendo as comunidades autónomas con maior capacidade recadatoria en detrimento das que presentan máis necesidades estruturais. "Por primeira vez non se garante unha discriminación positiva para territorios con envellecemento, dispersión e maiores custos na prestación de servizos", advertiu, ao tempo que acusou o Goberno español de deseñar unha proposta "á medida dunha comunidade", en referencia a Catalunya.

Corgos asegurou que Galiza recibiría só o 2,8% dos 21.000 millóns anunciados de incremento do financiamento autonómico, malia representar arredor do 6% da poboación. Aliás, criticou a creación de dous fondos discrecionais dos que a comunidade apenas percibiría o 1%. Por iso, reclamou un modelo que premie a boa xestión, a responsabilidade fiscal e recoñeza factores como o envellecemento e a dispersión.

Desde o BNG, a deputada Noa Presas cualificou a proposta estatal de "insultante, centralista e inxusta" e reclamou pór os intereses dos galegos por riba das siglas. Criticou, aliás, que o PP se negue a unha negociación bilateral e ofreceu a man do BNG para avanzar nun sistema xusto para Galiza, reiterando a defensa dun modelo de concerto económico. "Despois de 40 minutos de rolda de prensa non ofreceu ningunha vía de traballo seria", criticou, afeando a Corgos o rexeitamento á "man tendida" do BNG que, dixo Presas, "é aliado nesta batalla" para conseguir un sistema de financiamento xusto para Galiza. "Galiza perde porque a Xunta da Galiza non negociou. Que o Estado nos discrimine é o habitual na historia deste país, pero nunca antes houbo un goberno da Xunta, nin tan sequera do PP, tan cómplice desa discriminación e tan aliñado co centralismo", sostivo.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Patricia Igrexas acusou o Executivo galego de negarse a negociar por "seguir a estratexia de Xénova" e urxiu o presidente Alfonso Rueda a "pedir perdón por traizoar Galiza”. Tamén reprochou á Xunta practicar dumping fiscal mentres reclama máis recursos ao Estado e rexeitar a negociación da quita da débeda.

En resposta, o portavoz do PP, Alberto Pazos Couñago, insistiu en que o plan do Goberno español non nace dun acordo entre comunidades autónomas, senón dun "pacto partidario" "destinado a garantir a continuidade de Pedro Sánchez
na Moncloa.