A oposición acusa Fabiola García de precarizar os CIM

Fabiola García compareceu esta terza feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
O Porriño perde o centro anunciado pola Xunta

As críticas á "privatización" e á "precarización" dos centros de información á muller (CIM) centraron esta terza feira a comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, no Parlamento da Galiza. Na súa intervención, García avanzou que o seu departamento prevé para 2026 a apertura en Santiago de Compostela do centro para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicións, que inicialmente se proxectara no Porriño (comarca de Vigo). Será o primeiro centro destas características que se cree no país, da man de Proxecto Home, e situarase na zona de Aríns despois de que O Porriño renunciase "por unha cuestión administrativa", segundo fontes do Goberno galego.

Tras a comparecencia de García, a parlamentaria do BNG Noa Presas interveu no pleno sinalando que, ás portas do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as institucións deben examinar o que funciona e o que poden mellorar. "E o PP suspende", sinalou, criticando  que a Xunta "siga sen desenvolver" aspectos prioritarios e se conforme con "manter o que xa hai", "sen máis iniciativa política que oporse aos demais", afirmou. Ademais, sostivo Presas que o Goberno galego "recorta" nas contas para 2026 o programa galego de atención ás vítimas de violencia machista. "Pedímoslle que rectifiquen e que decidan, por fin, que o 1% do orzamento da Xunta debería ir contra a violencia machista", manifestou para acusar a Xunta de investir menos neste programa que en profesorado de relixión. Tamén lembrou que os CIM móbiles anunciados agora xa foran prometidos polo PP para 2024 e mostrou a súa preocupación polo feito de que a Xunta os converta "nun negocio máis para as empresas privadas" en lugar de fortalecer "o sistema público".


 Pola súa parte, a deputada Paloma Castro (PSdeG) alertado duns CIM "precarizados, saturados e afastados da súa función transformadora" e censurou que 26% dos concellos galegos carezan destes centros. Ademais, advertiu de que os Puntos de Encontro Familiar están "colapsados" e que a Xunta apenas ampliou a rede en dúas décadas. A socialista cualificou de xestión "desastrosa" da Xunta de do Concello do Porriño a perda para esta localidade do anunciado centro de para vítimas de violencia machista con adiccións.