O voceiro do BNG na Coruña autoinculparase en relación ao despexo de Aurelia Rey

Xosé Manuel Carril aparece mencionado no atestado que a policía remitiu ao xulgado o 18 de febreiro, após cargaren contra os centos de manifestantes que impedían a execución hipotecaria. Stop-desafiuzamentos informa de que hai tres persoas imputadas por exixir que os axentes se identificaran


O voceiro do grupo municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, vén de manifestar a súa intención de se autoinculpar en relación aos feitos acontecidos na segunda feira día 18, cando centos de persoas impediron o despexo de Aurelia Rey. Carril personouse esta sexta feira no xulgado de instrución nº3 para coñecer se había algunha causa aberta contra el, após coñecer que o seu nome figura no informe remitido pola policía após a mobilización cidadá.

O documentos identifica Carril como "José Manuel Carril, concejal de seguridad ciudadana del ayuntamento de La Coruña por el BNG" e recolle que "se tiró al suelo" durante a carga policial que se iniciou por volta das dúas da tarde, após unha información falsa atribuída ao TSXG en que este órgano daba por adiado o desafiuzamento da octoxenaria.

Após coñecer a imputación de tres persoas por unha falta leve de desobediencia por lles teren pedido a identificación a outros tantos policías que cortaban a rúa Padre Feijóo, impedindo transitar por ela, Carril anunciou que se autoinculpará na mesma causa "porque se van xulgar tres persoas terán que nos xulgar a todos os que alí estivemos presentes, que a xustiza é igual para todos".

Imputad@s por exixir que a policía se identificara

A persoa responsábel da comunicación de Stop-desafiuzamentos A Coruña confirmou a Sermos Galiza que @s tres imputad@s "estaban a se manifestar contra o despexo de Aurelia" e subliña non ter constancia de imputación algunha referida nin a cargos políticos de BNG e EU que fixeron parte das mobilizacións, nin ao bombeiro que rexeitou cortar a cadea do portal, nin d@s voceir@s que foron identificad@s cando procuraban unha xuntanza co concelleiro Miguel Lorenzo "nin de ningunha persoa próxima á plataforma". Acrecentan que @s avogad@s que colaboran no caso interesaranse pola súa situación para coñecer de primeira man cales son os cargos de que se lles responsabiliza e en relación a que feitos.

Atribúen a apertura de dilixencias contra estas tres persoas a "máis unha estratexia policial" na liña en que, como foron primeiro @s cidadá(n)s @s que requiriron a identificación dos axentes "estes poñen sempre a denuncia primeiro por se a intención de lle pedir que se identifiquen é denuncialos a eles". Dúas delas estarían colocadas detrás do cordón policial que cortaba a rúa; a terceira ficaría detrás do segundo camión de bombeiros que o Concello enviou ao nº9 da céntrica rúa para abrir o portal da anciá.