O ex-alcalde de Castro de Rei dimite de todos os cargos no PSOE após ser imputado por prevaricación

[Imaxe: SG]
José Díaz Valiño foi detido na fase inicial da Operación Rei, cuxa instrución se pecha agora. A xuíza encargada do caso vincula o político con delitos de suborno, tráfico de influencias e falsidade documental na adxudicación dunhas obras


O ex-alcalde de Castro de Rei, José Díaz Valiño (PSOE), vén de renunciar á súa acta de edil e deputado provincial, así como o conxunto das responsabilidades que tiña noutros órganos do partido, para pedir a súa reincorporación á docencia. Está imputado por irregularidades en contratación de obras en relación á denominada Operación Rei.

A xuíza instrutora, Estela San José, atribúelle ao ex-rexedor deste municipio lucense delitos de prevaricación, suborno a funcionari@s, tráfico de influencias e falsidade documental co gallo da contratación dunhas obras de conservación de estradas. Con todo, Díaz Valiño non argumentou a súa imputación como causa da súa marcha, senón que apelou a "motivos persoais e familiares", segundo sinala o comunicado que enviou á imprensa.

Recolle tamén o escrito que a decisión xa lle fora transladada ao secretario xeral do PSOE lucense "o verán pasado", malia que foi atrasada "polo compromiso co meu partido e a convocatoria das eleccións galegas". Díaz Valiño deixa a corporación municipal de Castro de Rei reiterando a súa inocencia "por riba de todo" e cadrando co peche da fase de instrución da devandita operación en que, para alén do xa ex-edil e do tenente de alcalde Roberto Lorenzo, outras 14 persoas, entre políticos e empresarios.