A Xunta prepara un servizo que permitirá borrar publicacións usadas en casos de violencia dixital
Empeza a tramitarse a Lei de acoso e violencia dixital contra mulleres, menores e integrantes do colectivo LGBTI.
O Goberno galego iniciou a tramitación da futura Lei galega de acoso e violencia dixital, unha norma que, segundo destacou o xefe do Executivo, Alfonso Rueda, converterá Galiza "na primeira comunidade autónoma" en contar con lexislación específica neste ámbito, para previr e apoiar as vítimas, que son, sobre todo, mulleres, menores (incluído o acoso escolar) e integrantes do colectivo LGBTI.
Entre as súas principais medidas estará a posta en marcha dun servizo autonómico que, cando haxa unha sentenza, permita borrar a pegada dixital de vítimas de acoso e violencia na rede, é dicir, material (como vídeos íntimos, por exemplo) que se utilizou para causar o dano.
As primeiras liñas desta futura lei, cuxo anteproxecto se someterá a consulta pública previa e terá un papel pioneiro no Estado español, foron explicadas, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, polo propio Rueda e pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Na súa intervención, García apuntou que, en concreto no caso das mulleres, a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007 xa recolle como violencia de xénero "a violencia dixital ou na rede contra as mulleres".
Precisamente, o anteproxecto de lei abordado esta segunda feira polo Executivo galego ten por finalidade definir os conceptos de acoso e violencia dixital, fixar os principios de actuación, estabelecer medidas de prevención, sensibilización, prevención e detección, posibilitar a formación na materia o persoal da Xunta e das forzas e corpos policiais, e artellar medidas de protección e apoio ás vítimas. Para a elaboración deste texto lexislativo, a conselleira destacou que a Xunta tivo en conta a experiencia de diversas entidades, como a Asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, que leva anos traballando neste campo.
Medidas
Fabiola García destacou que, entre as propostas que se prevén nesta normativa, está a posta en funcionamento dun servizo de borrado da pegada dixital. Esta medida trata de facilitar a eliminación do material dixital accesíbel en rede que fose utilizado como instrumento de acoso ou violencia dixital, favorecendo a restauración da reputación dixital. Tamén se traballará para a detección dos sistemas de xeolocalización non consentidos.
Outra medida na que traballa a Xunta é a creación dun espazo virtual onde as vítimas poderán recibir asesoramento gratuíto para previr outros ataques ou supostos de violencia dixital. A finalidade, explicou, é que as vítimas saiban reaccionar e tomen as medidas necesarias ante o acoso e as violencias que sofren a través dos seus computadores, teléfonos móbiles, tabletas ou calquera outro dispositivo.
Así mesmo, desenvolveranse programas psicopedagóxicos de intervención especializada en adiccións ás novas tecnoloxías dirixidos a menores e ás súas familias. Tamén se implantarán máis medidas de prevención e sensibilización no ámbito educativo, tanto na etapa de secundaria como no ensino universitario. Para iso poranse ao dispor do alumnado ferramentas para poder denunciar calquera acción de violencia dixital, incluídos medios telemáticos ou dixitais.
Tras o seu paso polo Consello, o anteproxecto de lei someterase á consulta pública previa, co obxecto de recoller as achegas da veciñanza e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma.