Nós chama a pedir o voto “até o último minuto” para garantir voz propia para Galiza
Mitin na Coruña nun Paraninfo ateigado até a bandeira, con centos e centos de persoas de pé e no exterior do espazo, e que concluíu con todos e todas en pé e coas mans collidas cantando con Mini e o líder de Nao o himno de campaña 'Nós, un soño necesario'.
O Paraninfo da Universidade da Coruña foi o lugar elexido por Nós-Candidatura Galega para pór o ramo á campaña electoral. Un recinto no que non collía unha palla. Ficaron centos e centos de persoas de pé e fóra do auditorio, un auditorio entregado e ilusionado que ovacionou en todo momento ás candidatas. O optimismo, inmune a inquéritos, e a alegría conformaron os bimbios dun dos actos máis intensos e concorridos da campaña. As notas de 'Agora entramos nós', o tema composto por Caxade e Marcos Paino para a candidatura nacionalista, déronlle a benvida ás persoas asistentes e oradoras.
Callón: "Somos garantía de cambio e, ademais, somos o equipo da casa, como antes o foi o BNG"
Ningunha das outras forzas que concorren a este 20D falou dos problemas e necesidades de Galiza durante esta campaña, dixo Callón, lembrando que a candidatura achegou propostas para os sectores produtivos do país e a mocidade, entre outras cuestións. Reiterou a 'utilidade' da papeleta de Nós: “Porque Galiza terá voz soberana en Madrid e porque representamos un cambio para a maioría social”, berrou Callón ante un público entregado.
Non faltou no mitin a mención ao 'bipartidismo a catro teledirixido', frase que nestas dúas semanas colleu folgos nos discursos e argumentario de Nós. “O 20D queremos ser a voz de todas e todas as que non están dispostos a comprar o paquete electoral do bipartidismo a catro”, indicou Callón.
Rosana Pérez entregoulle a Callón unha carteira do Congreso "chea de Galiza"
Ademais do candidato pola Coruña, o mitin contou coas intervencións, entre outros, de Xavier Vence, Isabel Risco e Xosé Luís Rivas, “Mini”. Rosana Pérez, deputada do BNG en Madrid, abriu o acto cun discurso cargado de enerxía no que reivindicou “o traballo feito coas nosas mans” e no que lle fixo entrega a Callón dunha carteira do Congreso dos Deputados, “a carteira que se entregan os ministros está baleira, mais esta está chea de Galiza”.
Vence: "Para novos, Nós"
Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, apelou a defender en Madrid "o noso futuro con xustiza e en paz". "Precisamos a forza de Nós para defender Galiza, as nosas xentes machacadas polas políticas do PP", afirmou Vence, quen berrou: "non vos equivoquedes. Para novos, Nós, para creativos, Nós, para sociais, Nós, para feministas, Nós, para ecoloxistas, Nós, para solidarios, Nós e, desde logo, para galegos e galegas, Nós", berrou un Vence que sinalou que "o novo" non ten que vir das forzas estatais.
"Daremos a badalada", preveu o portavoz do BNG, quen rematou cun "Viva Galiza Ceibe", coreado polo público. Tamén tomou a palabra o gandeiro Suso Caínzos, quen insistiu en que o cambio non virá da Complutense e quen reclamou votar Nós "por un prezo xusto".
N
[As imaxes desta crónica son de Xurxo Lobato]