"Non necesitamos outra estrutura do partido orgánico"
32 anos. Secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG). Parlamentar de En Marea e vicepresidenta segunda do Parlamento Galego. Eva Solla advoga por unha Marea que sexa unha estrutura ampla, un "catalizador" dos movimentos sociais. É a entrevista política do Sermos221. Eis un avanzo.
(...) Eu xa veño dun partido político [PCG] e xa teño unha organización máis ampla que é EU e non creo que necesitemos unha estrutura semellante a un partido orgánico. Necesitamos algo amplo que sexa o catalizador e horizontal coas mareas municipais e os movimentos sociais. Algo que vén do xérmolo da propia En Marea é o respeito ás organizacións políticas que achegamos militancia e candidatos e candidatas e tamén o respeito á propia independencia das propias mareas municipais. Por tanto, iso é importante á hora de construír o tipo de organización que decidamos que sexa En Marea.
En definitiva, non advogas pola disolución no seo de En Marea dos suxeitos políticos previos.
Loxicamente non.
Un principio do comunismo é participar nas frontes de masas e sabemos que vamos participar con compañeiras e compañeiros que no ámbito da esquerda non coinciden nalgúns aspectos connosco. A nosa obriga é ter a capacidade de pór por enriba os intereses da clase traballadora. Hai persoas que apoian o conceito da socialdemocracia en si, outras veñen do ecoloxismo... O grande disto é chegar a pontos en común. Nese sentido, o traballo que temos que facer os comunistas aí é tentar que a nosa proposta sexa a maioritaria e por iso temos que traballar nesas frontes máis amplas.
A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos221, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.