Parlamento

"Non é un cambio de proxecto", di Lago; e Villares replica: "Mellor chamarse directamente Podemos"

[Imaxe: Común da Esquerda] Os parlamentarios de Común da Esquerda, con Xoan Xove, primeiro pola esquerda.

Presentouse o novo nome e a estrutura organizativa do grupo parlamentario "que dará continuidade á tradición da unidade popular, que até agora se denominaba Grupo Parlamentario En Marea".

 

Manuel Lago reclamou para o seu grupo parlamentar "a lexitima herdanza" desa "experiencia política" que foi En Marea (hoxe reducida a un partido político que mantén representación no grupo mixto da cámara). Experiencia que definiu como un "proxecto político de unidade popular en defensa dos intereses da cidadanía do noso país e dos intereses de Galiza como nación". E enfeitizou: "non é un cambio de proxecto, é un proxecto que vén de lonxe e vai para lonxe". 

Minutos antes, desde o outro lado do espazo rupturista, Luís Villares, líder de En Marea e deputado do Grupo Mixto meteu o dedo no ollo aos seus ex compañeiros. "Sería mellor que o grupo parlamentar se chamase directamente Podemos", dixo. E insistiu en que Podemos "manda" nese grupo antes de pedir a Anova "unha reflexión sobre o camiño que transitan da man de Esquerda Unida e Podemos". 

Lago non entrou en polémica e desviou a cuestión tirando de ironía confesando que esperaba que o resto dos grupos non tiveran nada que dicir respecto do nome.

Común da Esquerda

A denominación do grupo parlamentar (10 deputadas e deputados), como avanzou onte Sermos Galiza, será Grupo Común da Esquerda. Contará co propio Lago (Esquerda Unida) como voceiro parlamentario, con Antón Sánchez (Anova) como cabeza visíbel nas sesións de control ao goberno e con Luca Chao (Podemos) nas funcións de relacións cos medios e a comunicación exterior.

Ao grupo incorpórase Xan Xove (Marea Atlántica), como deputado pola circunscrición da Coruña en substitución de Flora Miranda a partir do vindeiro pleno.

O espazo que comparten Podemos, Esquerda Unida e Anova na cámara reclámase de novo como "proxecto político plural de unidade", "cunha portavocía coral, con catro voces [Carmen Santos, de Podemos, segue como viceportavoz] que representan os diferentes espectros políticos que conviven no grupo". 

Luca Chao foi a encargada na presentación de expoñer a axenda política de Común da Esquerda neste penúltimo período de sesións da lexislatura. "O noso obxectivo fundamental será servir de altofalante dos problemas reais. O primeiro problema pasa por falar de precariedade e desemprego, as dúas caras da mesma moeda", dixo Chao. "Tamén queremos falar tamén dun problema fundamental que é a vivenda. Outro dos nosos temas clave será o feminismo, defendendo políticas transversais de igualdade", engadiu.