A negativa de Rueda á senda de déficit pode custar á Galiza 281 millóns
O PP español anunciou que as comunidades nas que gobernaba non apoiarían a proposta de déficit que o Executivo estatal ía presentar no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) desta semana, e as autonomías populares así o fixeron, entre elas a Galiza : rexeitaron a proposta dun déficit do 0,1% para cada exercicio.
É dicir, que cada ano poderían gastar máis do que ingresan até un máximo dunha décima do seu PIB. Unha capacidade de gasto extra que no caso da Galiza suporía dispor de 281 millóns de euros para financiar a educación, sanidade ou dependencia —89,9 millóns en 2026, 93,6 no exercicio 2027 e 97,3 en 2028, segundo os cálculos do Ministerio—.
O secretario xeral técnico e do Tesouro da Xunta David Cabañó —que representou a Galiza no CPFF— xustificou o posicionamento do Goberno galego en contra desa proposta con que lles faría incumprir a regra de gasto.
O rexeitamento das comunidades do PP, porén, non evitou que o Consello de Ministros aprobase a terza feira a senda de déficit, que agora ten que ser avalada polo Congreso. A negativa anunciada polo Partido Popular a esta proposta, ratificada polas comunidades onde goberna, evitaría a súa aprobación, e desde o Ministerio de Facenda ratificaban esta quinta feira que de non se aprobar, adeus a esa capacidade de gasto extra.
Isto implicaría que Catalunya e Madrid perdesen 1.000 millóns cada unha de marxe de gasto adicional, Andalucía 731 millóns e o País Valencià, ao redor de 509. A seguinte comunidade máis afectada sería a da Galiza, con eses 281 millóns de euros. "É Xénova [rúa onde está a sede do PP español] a que está a decidir a capacidade de gasto á baixa das comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular”, criticou esta quinta a vicepresidenta española, María Jesús Montero.
Condonación
Ese "seguidismo" de Rueda respecto a Xénova — algo que ao longo destes meses denunciou tanto o BNG como o PSdeG — tería na senda do défict un novo capítulo que engadir ao da condonación da débeda. O PP español ditou que ningunha das autonomías con Goberno popular poderían acollerse a esta quita e —malia os titubeos iniciais de territorios como Andalucía—, todas asumiron o paso marcado por Xénova. Entre elas, a Galiza, que renuncia así a que se lle condone un terzo da súa débeda pública.
A débeda pública galega incrementouse durante os primeiros seis meses deste ano en case mil millóns de euros, situándose nos 12.886 millóns e representando 15,3% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, segundo os datos máis recentes publicados polo Banco de España. A débeda per cápita sitúase así en 4.737 euros por habitante cando era de 1.752 euros en 2009, cando o PP voltou a gobernar a Xunta. Os representantes das comunidades gobernadas polo PP expresaron de cara a este último CPFF a negativa á condonación, que no caso da Galiza suporía condonar 4.000 millóns de euros.