Obituario

Falece aos 79 anos Nené Barral, o ex alcalde de Ribadumia investigado por contrabando

Nené Barral, ex alcalde de Ribadumia polo Partido Popular, nos xulgados, en 2016. (Foto Nós Diario)
O ex dirixente popular arrastraba problemas de saúde que lle impediran acudir ao xuízo contra el por unha acusación de contrabando de hai tres décadas.

O que fora alcalde de Ribadumia (O Salnés) até 2001, José Ramón Nené Barral, faleceu esta quinta feira aos 79 anos tras unha enfermidade que non logrou superar e que o mantivo nos últimos tempos nunha delicada situación de saúde. Será enterrado esta sexta na súa localidade natal, tras un funeral en San Lorenzo de András, de onde é orixinaria a súa esposa. De feito, a súa situación de saúde xa lle impedira acudir ao xuízo convocado contra el na Audiencia Provincial de Pontevedra por unha acusación de contrabando pola que fora detido 30 anos atrás, o que convertía o seu axuizamento no máis longo coñecido.

Barral, que non foi nunca condenado polos presuntos delitos que se investigaban, si chegou a sentar no banco dos acusados xunto a outras persoas en setembro de 2022, pero a cuestións previas expostas polos avogados suspenderon un xuízo que logo foi aprazado en varias ocasións e que finalmente non se celebrou.

Malia que non a xustiza non chegou a emitir sentenza, a acusación custoulle a súa carreira política, o que o levou en 2001 a deixar o cargo de alcalde, que ocupaba, primeiro con Alianza Popular e logo co PP, desde os anos 80. Coa súa imputación, produciuse a súa saída das filas dos populares e logo fundou Independentes por Ribadumia, formación na que concorreu David Castro, alcalde desta localidade e que nas últimas municipais xa o fixo baixo as siglas dos populares.

Entre as acusacións pendentes, o escrito fiscal do xuízo aprazado consideraba a Nené Barral xefe dunha organización composta por outros nove acusados que, entre 1996 e 2001, se dedicarían a introducir tabaco de contrabando en territorio europeo. En 2001, o até entón alcalde de Ribadumia foi detido pola súa presunta vinculación cun alixo de 432.000 paquetes de tabaco.

En 2016, Nené Barral admitiu un delito fiscal e pactou co Ministerio Público unha fraude tributaria do que exculpou as súas fillas. Daquela, a pena viuse reducida a un ano e dous meses e tivo que asumir un pagamento, cando menos, de 700.000 euros por ocultar ingresos derivados de negocios eólicos e acuícolas en Asia e América, segundo as informacións publicadas entón.