Monterroso “condena” a actuación da Xunta na tramitación de Altri

Concello de Monterroso. (Foto: ND)

O pleno municipal aprobou unha moción contra a pasteira malia a oposición do PP, que goberna neste Concello da Ulloa.

 

 

O pleno do Concello de Monterroso (A Ulloa) -gobernado en minoría polo PP- aprobou esta quinta feira unha moción -con 6 votos a favor e os 3 do PP en contra- na que a Corporación municipal expresou a súa “oposición á megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa”.

Na iniciativa, apoiada por seis edís -2 PSdeG, 1 concelleiro non adscrito, 1 PG, 1 BNG e 1 Independentes por Monterroso‑ contra 3 votos en contra do PP, o pleno de Monterroso “condena a actuación da Xunta neste proceso por antepor os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega”.

Na iniciativa aprobada, o pleno insta o Goberno municipal a “promover e facilitar cos medios ao seu alcance á asistencia da veciñanza ás convocatorias e mobilizacións sociais contra este proxecto” e acorda o “traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado”.

Na votación, o PSdeG de Monterroso pediu que constara en acta que non está de acordo co terceiro punto da moción, no que se solicita ao Goberno do Estado que non outorgue fondos públicos á empresa portuguesa Altri para a construción desta macrocelulosa en Palas de Rei”.

Esta é a segunda iniciativa aprobada polo Concello de Monterroso no último ano en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa)