Monedero atribúe os bos resultados de BNG e Bildu a que “se podemizaron”

Monedero

A afirmación dun dos fundadores de Podemos provoca múltiples respostas nas redes sociais.

Juan Carlos Monedero, un dos fundadores de Podemos, atribúe os bos resultados nas eleccións do domingo da esquerda soberanista galega e vasca a que ambas as dúas, afirma, “podemizáronse”.

“A esquerda nacionalista vasca e galega podemizáronse. O discurso de Bildu e BNG non se diferenza do que antano criticaban. Mentres tanto PODEMOS, que mudou a política deste país, segue sen dedicar o groso das súas enerxías ao que debe: construír partido”, escribiu o politólogo madrileño na súa conta de twitter.

Unha afirmación que axiña lle valeu réplicas. Como a de Ana Miranda, representante do BNG en Bruxelas, e que responde: “Perdoa, Monedero, mais o BNG non se moveu do seu sitio e a coherencia foi premiada, pasamos tempos difíciles mais mantivemos traballo e organización. Dígoo con humildade e sen acritude, mais a análise centralista xa vemos que non funciona”.

No debate entrou até o socialista lalinense Nicolás González, eurodeputado do PSOE, que escribiu a raíz da resposta de Miranda: “Teño que darche toda a razón, menudos extraterrestres comentan as veces, o éxito do BNG ven de perseverar en ser o BNG”.