O ministro de Insustria constata "diferenzas importantes" no proxecto de Altri aprobado pola Xunta a respecto do que se presentou para obter fondos públicos
Jordi Hereu responde, a preguntas de Néstor Rego (BNG), que "analizaremos o proxecto de Altri como calquera outro". O BNG advirte de que Altri é unha "liña vermella" na súa relación co Goberno: "Xa non valen as ambigüidades".
O ministro de Industria, Jordi Hereu, considera que a declaración de impacto ambiental positiva acordada pola Xunta da Galiza para o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) está "moi condicionada", alertando de que este plan "móvese nunha contorna con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos", á vez que quixo desvinculalo das axudas do Goberno estatal.
Así se pronunciou o ministro esta cuarta feira na sesión de control ao Goberno no Congreso a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, sobre se estaba o Ministerio "en disposición de denegar diñeiro público a un proxecto tan lesivo para a Galiza" como o da celulosa proxectada para Palas de Rei.
Hereu respondeu que o "deber" do Goberno estatal é "analizar este proxecto con todo o rigor", sinalando que o analizará "como calquera outro proxecto, cos mesmos criterios técnicos e ambientais". Neste contexto, o ministro de Industria lembrou que Altri presentouse hai tempo ao concurso para o PERTE de descarbonización, aínda que o fixo como un proxecto de produción de fibras téxtiles sostíbeis, segundo dixo Hereu. Con todo, o ministro precisou que a medida que se foron concretando os detalles, "constatáronse diferenzas importantes respecto a o que se presentou inicialmente, empezando porque a maior parte de produción que se prevé é de celulosa"
O portavoz do BNG na Cámara baixa española advertiu o Goberno estatal de que "xa non valen as ambigüidades" sobre este asunto. "A sociedade galega exixe posicións claras porque quere evitar o que queremos denominar o franquismo industrial na Galiza", proclamou Rego.
Por iso, avisou ao Goberno de que o BNG "non está disposto a pasar unha liña vermella" que afectaría ás súas futuras relacións con Moncloa, lembrando que hai unha "maioría social" galega que rexeita este proxecto.
"A sociedade galega nunca perdoaría ao PSOE que o seu Goberno traizoase os intereses da Galiza. Por tanto, señor ministro, ten que ser moi claro rexeitando esta posición", sentenciou.