"O meu nariz dime que non haberá eleccións até 2027": Puente asegura que Sánchez "está determinado" a rematar o mandato

A presidenta do Cercle d'Economia, Teresa Garcia-Milà, e O ministro de Transporte e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, esta quinta feira 10 de xullo. (Foto: Europa Press)
Puente apuntou que o obxectivo secundario é que este desgaste tamén afecte o Goberno español nas eleccións se se dan en 2027, mais que "teñen pouca confianza" neste plan.

O ministro de Transporte e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, asegurou que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, "está determinado" a terminar o mandato e que as próximas eleccións sexan ao finalizar a actual lexislatura, no ano 2027.

Díxoo esta quinta feira nun diálogo coa presidenta do Cercle d'Economia, Teresa Garcia-Milà (na súa primeira aparición pública tras asumir o cargo), no que o ministro engadiu que isto pode cambiar dependendo das circunstancias e das novidades que aparezan.

"O meu nariz dime que non haberá eleccións até 2027", subliñou Puente, quee engadiu que a dereita ten interese en que haxa eleccións antes. "A dereita ten un diagnóstico complicado, que é o agora ou nunca", unha estratexia que explicou que é de enorme desgaste e que ten "o obxectivo de que Sánchez se renda nalgún momento".

Puente apuntou que o obxectivo secundario é que este desgaste tamén afecte o Goberno español nas eleccións se se dan en 2027, mais que "teñen pouca confianza" neste plan. "Non teñen proxecto máis aló do 'quita ti que me poño eu', máis aló de derrogar o 'sanchismo' non hai proxecto", insistiu, e dixo que isto leva a dereita a, textualmente, "pór todos os ovos na cesta da ver se Sánchez se cansa".

Cambios na contratación pública

Preguntado polos casos de corrupción no PSOE, Puente achacounos "á estupidez e á cobiza" e engadiu que o Goberno español realizará cambios na contratación de obra pública para evitalos. "Debemos aspirar a reducila ao mínimo posíbel. Porque por moitos controis e sistemas que poñamos, depende das persoas. E ás veces as persoas corrómpense", afirmou o ministro.

Puente destacou que os servidores públicos teñen sistemas de control sobre o patrimonio "enormes", aínda que "mentres existan a estupidez e a cobiza haberá corrupción". Así mesmo, mostrouse favorábel a cambiar o sistema de adxudicación da obra pública para eliminar a subxectividade, aínda que alertou de que isto pode ter efectos negativos na calidade. Por outra parte, asegurou que "o que se corrompe é un estúpido porque arruína a súa vida, arruína a vida da súa familia e prexudica gravemente" o seu proxecto político.