DEIXA O CARGO APóS DA DERROTA EN PRIMARIAS ANTE LEICEAGA

Méndez Romeu demite como voceiro socialista

Méndez Romeu anunciou a demisión na sede parlamentaria do PSdeG Foto: Irene Pin

O ata agora voceiro socialista no parlamento galego, Xosé Luís Méndez Romeu, anunciou está mañá que dará un paso ao lado e se retirará do cargo, despois da derrota sufrida ao presentarse candidato a encabezar as listas do PSdeG de cara ás eleccións galegas. A persoa substituta de Romeu como voceira será nomeada pola comisión xestora do partido.

Xosé Luís Méndez Romeu demitiu esta mañá do seu cargo como voceiro parlamentario do Partido Socialista de Galicia. Romeu confesou que o propio Xaquín Fernández Leiceaga lle pediu persoalmente que continuase no posto, do mesmo xeito que o fixo Pilar Cancela, presidenta da Comisión Xestora do partido e encargada, agora, de nomear unha persoa substituta.

"A mellor decisión é que se nomee a outra persoa"

Porén, Méndez Romeu alegou que a división de opinións entre el e o que foi seu rival nas eleccións primarias non favorecería a labor do PSdeG, toda vez que se mostrou congratulado polo apoio: "Agradezo a confianza da xente do meu partido, pero creo que a mellor decisión para o desenvolvemento do traballo nos vindeiros meses é que se nomee a outra persoa."

"A vitoria de Leiceaga só muda a cara de quen protagonizará o cambio de goberno"

Xosé Luís Méndez Romeu resto importancia ao feito de deixar o cargo previamente ao final da lexislatura, xa que os seus dous antecesores, Abel Losada e Pachi Vázquez, tamén dimitiron nesta circunstancia. Romeu non se arrepinte de ningunha decisión tomada e argüiu que: "Os actos teñen consecuencias e as consecuencias hai que asumilas". Esta demisión é o xeito de actuar consecuentemente, escollido por Romeu, quen tampouco deu pasos atrás nas súas declaracións dos últimos días nas que interpelou a Feijóo asestando que el sería o seu sucesor como Presidente da Xunta: "Eu presenteime para ser Presidente e a vitoria de Leiceaga só muda a cara de quen protagonizará o cambio de goberno."

Ante a incógnita de quen será a persoa elixida para suceder a Romeu no cargo, a Viceportavoz do partido, Carmen Gallego Calvar, descartou calquera posibilidade de ser ela quen ocupe o cargo debido: "Ao apoio activo que fixen da súa candidatura".