As mareas debaten se elixirán por primarias abertas a súa candidatura á Xunta

CY1go-uWUAAdB7d

Un total de 39 iniciativas municipalistas reuníronse este sábado na Estrada para analizar a confluencia de cara ás eleccións galegas. Entre outras cuestións, debateron sobre a posibilidade de elixir a candidatura por primarias abertas, un proceso ao que renunciara En Marea.

Reunidas na Estrada, case 40 iniciativas municipalistas mantiveron un encontro na Estrada para avanzar na confluencia para as próximas eleccións ao Parlamento de Galiza. O proceso de elección da candidatura foi un dos puntos de debate na xuntanza deste sábado. Así, analizouse se se elixirán mediante primarias abertas os candidatos e candidatas que formarían parte do proxecto.

Este debate ten lugar após En Marea renunciara a convocar eleccións primarias abertas no seu proceso para a conformación das listas que se presentaron ao 20D. Só Anova e Podemos –a nivel estatal- fixeran público que realizaran primarias no seo destas dúas formacións. Finalmente, foi a mesa coordinadora integrada polas formacións da coligazón quen configurou a candidatura ás eleccións xerais coas propostas achegadas dos diferentes procesos.

Aínda que recoñeceu o suceso de En Marea, o alcalde de Ferrol advertiu da "falta de participación" do proceso

En declaracións a Europa Press, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, sinalou que o proceso terá que basearse “na elaboración dun programa colectivo e primarias onde calquera persoa poida estar en pé de igualdade con independencia da adscrición a unha organización ou non”. Aínda que recoñeceu o suceso de En Marea, Suárez advertiu da “falta de participación” do proceso.

Tamén se pronunciou ao respecto o seu hómologo na Coruña, Xulio Ferreiro, quen apuntou que as primarias son “un método democrático válido” sempre e cando se coñezan as regras que permitan manter “o compañeirismo e a colaboración”. Ferreiro, quen puxo como exemplo as primarias da Marea Atlántica, afirmou que “todo é compatíbel, mais non gostaría de que se convertese nunha loita interna”.

Ademais, Europa Press recolleu as declaracións de Martiño Noriega, alcalde de Compostela, quen salientou a importancia das primarias nas candidaturas municipais, “e segue sendo unha ferramenta válida para finalizar o proceso, pero aínda fican moitos meses de traballo”.

Os rexedores das mareas sinalan que o BNG “colle” na confluencia

Os tres rexedores pronunciáronse sobre a estratexia a seguir polo Bloque diante dos comicios galegos. Os tres coincidiron en sinalar que o BNG “colle” na confluencia e apelaron a respectar o debate interno da formación nacionalista. O alcalde de Ferrol apuntou que o BNG “vive o seu propio momento histórico” e dixo alegrarse por “abriren o debate” –ao diálogo con outras iniciativas-.

Noriega: "O do BNG é un espazo a sumar"

Ferreiro puxo de manifesto que “colle todo o mundo que queira estar, que queira colaborar en pé de igualdade e con respecto a unhas regras democráticas”, mentres que Noriega reivindicou que o do BNG é un “espazo a sumar”. “Son respectuoso, creo que é un debate que debe dar o Bloque”, subliñou o alcalde de Compostela, quen insistiu en que a formación frontista ten “as portas abertas”.