En Marea volta a ser a segunda forza no Hórreo após a toma de posesión de Julia Torregrosa
A nova parlamentar, de Podemos, prometeu o seu cargo esta terza feira, no comezo da sesión plenaria. En Marea perdera momentaneamente a condición de segunda forza a efeitos prácticos ao ingresar brevemente no Hórreo Xoán Hermida. O ex dirixente de Espazo Ecosocialista nunca chegou a asumir a condición plena de deputado.
Hermida era deputado eleito, mais materialmente non adquiriu a condición de parlamentar, ao non ter cumprido os requisitos fixados polo regulamento. Dese xeito, En Marea tivo durante uns días 13+1 deputadas e deputados. Agora -após a renuncia definitiva de Hermida e a asunción do escano formalmente realizada esta mañá por Julia Torregrosa- a confluencia volta a ter 14 en plenitude de dereitos e, destarte, recobra a condición de segunda forza parlamentar, perdida efemeramente perante o PSdeG.
Torregrosa milita en Podemos, como o parlamentar que vén substituír, o ex secretario de Organización da formación morada Juan Merlo. Responsábel de Educación nas filas do partido morado, é unha dirixente próxima a Carmen Santos.
A súa incorporación non fecha inteiramente a crise da confluencia, pendente aínda da resolución do affaire Paula Quinteiro e da realización dunha consulta ás bases sobre o futuro da tamén dirixente de Podemos (neste caso da corrente Anticapitalistas).