En Marea pide no Congreso a integración das ensinanzas artísticas superiores no sistema universitario

Reunión de En Marea no Congreso coa plataforma das Ensinanzas Artísticas Superiores [Foto: En Marea]

Alexandra Fernández, a portavoz da confluencia no Congreso, mantivo unha reunión con representantes da Plataforma pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores.

Produto do diálogo co sector afectado, En Marea rexistou unha proposición non de lei e unha pergunta por escrito en que demanda ao goberno do Estado que encete un diálogo coas comunidades autónomas para resgatar as ensinanzas artísticas superiores do "limbo" en que se achan.

A meio dun comunicado de imprensa, Alexandra Fernández explica que estas ensinanzas precisan dun novo modelo organizativo que lles confira a plena homologación no Espazo Europeo de Educación Superior.

Unha sentenza do Tribunal Supremo de 2012 veu deixar sen título de grao a un grande número de alunos e alunas, salienta Fernández, sendo que estabeleceu que as EAS non poden acadar o rango de grao por ser este un título que só poderían outorgar as universidades.

A raíz da sentenza, o movimento de profesorado e de alunado a prol da homologación -e da hipótese de o grao poder ser impartido nas instalacións dos centros de educación secundaria- gañou forza, salienta a portavoz de En Marea.