En Marea, que non concorreu o 10N, pide un goberno “progresista”

[Imaxe: En Marea] Unha rolda de prensa posterior ao Consello das Mareas en Compostela

Emprazan as forzas “progresistas” galegas a unha “reflexión honesta” para construír unha “alternativa” que gañe a Feixoo

En Marea pide ás “forzas progresistas galegas” que se “comprometan inmediatamente”  coa formación dun novo goberno no Estado español, “pechando as portas [...] a calquera especulación dunhas terceiras eleccións”.

Aliás, emprazan esas mesmas forzas a “unha reflexión honesta sobre o horizonte electoral galego, para construír unha alternativa capaz de derrotar a Feixoo e abrir unha primavera social e galeguista en 2020”. Advirten que este domingo PP volveu ser primeira forza na Galiza e que a “falta de unidade” na esquerda “resta atractivo electoral”.

Uns chamamentos que En Marea fai, afirma nun comunicado, “coa lexitimidade que nos dá como forza política ter adoptado a decisión de non concorrer puntualmente a estas eleccións xerais para evitar un fraccionamento do voto progresista galego que puidese propiciar o avance das dereitas na Galiza”.