En Marea denuncia que Galiza volve quedar fóra dos principais investimentos ferroviarios

Estación de tren da Coruña (Foto: X. Lorenzo)

Asegura que as medidas anunciadas por Fomento non inclúen ningunha das liñas de tren do país que precisan melloras, como as conexións entre Lugo e Ferrol, no tramo Compostela-Ourense ou na liña que une Vigo e Ourense.

Galiza volve quedar fóra dos principais investimentos en materia ferroviaria. Así o vén de denunciar En Marea, despois de darse a coñecer as medidas presentadas por Fomento aprobadas no último consello de ministros. Ningunha das liñas ferroviarias do país que precisan melloras nin recolle as propostas realizadas desde o país.


“O anuncio do goberno central non atallará ningunha das necesidades en materia ferroviaria que ten Galiza”, apuntan en nota de prensa. Entre elas, destacan o axuste de horarios e o incremento de frecuencias no Eixo Atlántico, medidas que foran aprobadas por unanimidade no Parlamento de Galiza tras iniciativa do propio grupo político.
 

Entre as medidas que non figuran está o axuste de horarios e o incremento de frecuencias no Eixo Atlántico, aprobada polo Parlamento galego.

A medida de Fomento non recolle investimento algún para as conexións entre Lugo e Ferrol, no tramo Compostela-Ourense ou na liña que une Vigo e Ourense. “Esta resolución castiga novamente Galiza fronte ao resto do Estado, que ignora uns investimentos chave para o desenvolvemento social e económico do país. Do conxunto das necesidades, só anota sen detallar a mellora do traxecto Vigo-Tui”, explican desde en Marea.
 

“Como sucede no caso da AP-9, o goberno central non ten en conta o acordo de todos os grupos da cámara galega, ignorando os acordos da cámara e condenando Galiza a unha situación na que o atraso das infraestruturas ferroviarias é cada vez máis grande”.