En Marea defende o dereito a decidir do pobo catalán
O Consello das Mareas, reunido o sábado, día 23, emitiu un comunicado en defensa do dereito a decidir, “o pobo catalán ten dereito a exercelo e escoller libremente o seu futuro e a súa relación cos pobos que hoxe conforman o estado español e o resto do mundo”..
Nunha nota de imprensa, o Consello das Mareas pon de manifesto que “o consenso do pobo catalán a favor do referendo debe ser atendido”. “Darlle voz á cidadanía é a mellor maneira de resolver un problema político (que non xurídico), coma este”, advirte o máximo órgano de decisión de En Marea.
Após citar conquistas como o dereito á folga ou o sufraxio universal, o Consello das Mareas rexeita as “accións represoras dos dereitos e liberdades a representantes, funcionariado, institucións lexitimamente elixidas polo pobo catalán e cidadanía en xeral que se están a cometer, propias de tempos do totalitarismo”.
Acto en Zaragoza
A formación política participou na mañá do domingo na asemblea convocada por Unidos Podemos en Zaragoza a favor dun referendo pactado en Catalunya. En Marea sinala que participará “nos espazos de diálogo coma o de Zaragoza que xurdan e se artellen para apoiar que o pobo catalán sexa quen de decidir libremente o seu futuro ao asumir que os conflitos políticos nunca se resolveron con represión e detencións, entendendo estes espazos como unha iniciativa complementaria e nunca entorpecedora do proceso do 1 de outubro en si”.
O pavillón que acolleu o acto de Unidos Podemos en que participaron rexedores galegos das mareas municipalistas tivo que ser clausurado debido a unha concentración de ultras que increparon as persoas asistentes con berros de “secesionistas” e “golpistas”. Á presidenta das Cortes de Aragón, Violeta Barba, golpeárona cunha botella de auga chea. Segundo a policía, non hai efectivos suficientes para garantir a seguridade, pois están en Catalunya. Nesta liña pronunciáronse nas redes sociais o líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón, Luís Villares ou Jaume Ciurana, portavoz do Grupo Municipal do PDeCat en Barcelona. “Están todos buscando urnas e papeletas en Catalunya”, afirmaba Garzón en Twitter.
Observadores o 1-O
Por outra banda, En Marea anunciou que “defendemos a convocatoria do 1 de outubro e enviaremos observadores en nome da nosa formación ao proceso, apoiando que haxa o máximo de mobilización e participación no referendo”.