En Marea arrefría a fórmula electoral de Podemos

marea constituinte vigo foto @DanielCuestaGz

Lembra que na asemblea de Vigo fíxose unha aposta, partido instrumental, que non é a de concorreren coligazón senón o partido instrumental, ao que convida a sumarse ao partido morado.

Xornada intensa a da cuarta feira no espazo denominado da 'nova política'. Nun prazo de horas pasouse da euforia pola rotunda luz verde das bases de Podemos a concorrer con En Marea ás eleccións á xerra de auga fría das dificultades e discordancias sobre como concretar a fórmula baixo a cal se presentar. Podemos votou, e así o reiterou a súa secretaria xeral Carmen Santos, por unha alianza electoral, a semellanaza de En Comù Podem

A data límite para rexistrar coligazóns ás eleccións galegas é o 12 de agosto

Mais desde a ponte de mando de En Marea, torcen o fuciño ante esa opción. Despois de felicitar as bases podemitas por apostar na “confluencia”, desde En Maré mandan unha mensaxe: non pode haber procesos paralelos (duplas primarias) e a fórmula é a de partido instrumental. Así pois, nada de coligazón. A asemblea constituínte que tivo lugar o pasado sábado, 20 de xuño, en Vigo votou por En Marea como partido instrumental. Os seus responsábeis entenden que a querencia de Podemos por ir en alianza con En Marea supón rachar coa igualdade entre os actores e axentes implicados. Unha "traizón", en palabras do alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, ao espíritu da "confluencia".

Mais para Podemos 'diluirse' nunha outra organización é a liña vermella que non van cruzar. De feito, esa posibilidade nin tan sequer se votou na consulta interna sobre a fórmula para concorrer ás eleccións galegas. Desde o propio Consello de Coordinación estatal de Podemos aprobouse unha resolución na que ficaba ben claro que se descartaba integrarse nun partido instrumental.

Tempo, pois, de encaixe de bolillos para este espazo político, obrigado a procurar unha fórmula de 'confluencia' a gosto de todos e coa espada de Damocles da data electoral, 25 de setembro, pendurando sobre a testa.

Candidato

E por se isto non fose pouco, outra cuestión a resolver con celeridade e 'placet' de todos está sobre a mesa: a escolla do candidato. Os prazos electorais marcan que o 22 de agosto, como moi tarde, teñen que estar na Xunta Electoral as candidaturas para o 25S. O nome do maxistrado Luís Villares é, a estas alturas, o que ten todos os boletos para o posto. A propia Yolanda Díaz falou del como capitán do barco que levará a sacar o PP da Xunta. Mais as miradas deítanse sobre Podemos, que insiste en manter o seu propio proceso de primarias.