A Marcha Mundial das Mulleres denuncia que o alcalde de Padrón "está a desprotexer unha vítima de acoso sexual"
A Coordinadora de Compostela da Marcha Mundial das Mulleres denunciou esta terza feira o que considera "violencia machista institucional por parte do Goberno municipal do Concello de Padrón (O Sar) e, nomeadamente, do alcalde Anxo Rei e da concelleira de Igualdade, Mariló Saco".
No pleno do pasado mes de setembro, Rei intentou, afirman desde a MMM, "baixo ameazas veladas que non se expuxese o seu desleixo e incompetencia, desviar a atención ante o caso de acoso sexual que está a sufrir unha traballadora deste concello desde hai anos por parte doutro traballador do Concello".
Pola súa parte, o Goberno municipal de Padrón defende que "existe un expediente aberto que actualmente se atopa en suspensión ao atoparse xudicializado, polo que agora mesmo só procede esperar a sentenza de dita causa".
A este respecto, a Marcha Mundial das Mulleres indica que "lonxe de tentar resolver, como responsábel máximo do persoal do concello, a situación de violencia machista que padece esta traballadora, desviou a súa responsabilidade á Deputación da Coruña cando a traballadora denunciou por primeira vez".
E agora, prosegue a organización feminista, "volve actuar con desleixo e mira para o outro lado, ao escudarse en que o caso está pendente de xuízo para seguir sen actuar ante novas agresións que está a padecer esta muller", as cales, indica, "denunciou de novo diante do Concello, onde traballan tanto ela como o seu acosador".
Denuncian desde este colectivo que o que se constata diante "é que mentres o caso está pendente de xuízo a traballadora está totalmente indefensa e desprotexida, e o acosador sexual ten o amparo do alcalde para poder seguir acosando".
"En ningún momento", aseguran desde a Marcha Mundial das Mulleres, "o alcalde se molestou en saber como se atopa a vítima, nin abriu expediente para investigar ou executar medidas preventivas e de protección para esta muller". "Para Anxo Rei", aseguran, "a presunción de inocencia está por riba da protección á vítima".
Desde o Executivo local non coinciden con esta versión, e lembran que "os supostos feitos remóntanse ao mandato anterior". No momento en que o Goberno actual tomou posesión, defenden, "desde o Concello de Padrón tomáronse todas as cautelas dentro das posibilidades do propio Concello, enfocadas a separar o máximo posíbel o ámbito de traballo da presunta vítima e o do presunto agresor".
Pleno municipal
A Marcha Mundial das Mulleres denuncia igualmente que no pasado pleno, "o alcalde tentou acovardar a portavoz do BNG, Beatriz Rei, que trasladou o caso á sesión plenaria para saber que medidas se estaban a tomar a respecto destas denuncias. "Supoñemos que non quería que se soubese que estaban a mirar para outro lado diante dun caso así, e por iso se enfrontou á concelleira que o expuxo", afirma o colectivo feminista.
"É moi fácil lanzar consignas feministas para quedar ben e logo non facer nada. A violencia institucional é unha das maneiras mais ruíns de revitimizar unha vítima, mais aquí está o feminismo galego para defendela", conclúe a organización feminista.
Neste sentido, o Goberno municipal sinala que "lamenta e condena o uso político que o BNG de Padrón está a facer deste caso tan sensíbel" e tamén "cuestiona o modo de proceder da organización da Marcha Mundial das Mulleres, deixándose instrumentalizar".
A este respecto, o Executivo local afirma que o colectivo feminista "en ningún momento quixo contrastar a información co Concello, emitindo un comunicado cheo de falsidades que só recolle unha versión de parte, a do BNG de Padrón".
"Por unha cuestión de protección de datos e para non entorpecer unha causa xudicial aberta, o Concello non pode aportar máis detalles que afondarían no desmentido da información publicada pola portavoz do BNG de Padrón e pola Marcha Mundial das Mulleres", acrecenta o Goberno municipal.
"Rogamos que se trate con todo coidado unha cuestión tan seria coma esta, precisamente para ser garantista coa presunta vítima, coa súa identidade e outros datos de carácter persoal. E, por suposto, que se deixe de intentar sacar un rédito político aproveitándose desta situación. En política non todo vale", conclúe o Executivo local.
A Marcha exixe respecto ás vítimas e ás súas defensoras
En contestación aos argumentos esgrimidos polo Goberno municipal, desde a Marcha Mundial das Mulleres exixen ao alcalde de Padrón "o máximo respecto ás vítimas de violencias machistas, e o máximo respecto ás defensoras das mesmas". Ademais, instan "a que tomen as medidas precisas para pór fin ao acoso e agresións contra esta muller ou calquera outra".