Malia permanecer imputado Currás na Pokémon, Feijóo non lle pide a demisión

A xuíza non impón medidas cautelares ao alcalde de Compostela pola suposta trama de pagos de empresas a políticos


"Non fixen nada delictivo polo que non penso demitir". Con estas palabras recibía á imprensa o alcalde de Compostela, Ángel Currás, após de declarar diante da xuíza instrutora da Operación Pokémon, Pilar de Lara. Após das tres da tarde rematou en Lugo o interrogatorio que durou case tres horas e tras do que a xuíza non lle impuxo medidas cautelares. "Non fixen ningunha irregularidade nin nada incorrecto", engadiu o aínda alcalde compostelán. Pouco antes do seu interrogatorio comparecía o seu xefe de gabinete, Francisco Castro, a quen tampouco se lle imputaron medidas cautelares.

O caso Pokémon entrou non concello de Compostela apóis de que declarara, tamén como imputada, Rebeca Domínguez, sucesora de Currás na concellaría de Cultura. O caso que se investiga é por presunto tráfico de influencias na contratación do servizo da gardería de Salgueiriños, na capital de Galiza. Currás estivo no departamento de Cultura no tempo en que o grupo Vendex conseguira varias adxudicacións, entre elas a desta gardería.

Feijóo quere "a verdade"

Feijóo e o PP galego agardan saber as declaracións de Currás para tomar unha decisión sobre o seu futuro. "Actuaremos en consecuencia", asegurou Feijóo, "estou convencido de que poderá explicarse e dicir a verdade". A confianza do actual presidente da Xunta xa non é tan evidente para co seu compañeiro de partido e alcalde de Compostela após que deixara o mesmo cargo o anterior alcalde, tamén do PP, Gerardo Conde Roa.