Máis de 2.000 inspeccións de servizos sociais en 2024
A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou esta cuarta feira no pleno do Parlamento de Galiza en resposta ao BNG que as visitas da Inspección de servizos sociais superaron as 2.000 durante o ano 2024 na Galiza. Cuestionada polos datos, que a Xunta non fixo públicos até o de agora, García recoñeceu esta cuarta feira que das inspeccións derivaron “ducias de expedientes”, sen dar a cifra exacta, e cifrou en só 88 os que o seu departamento ten “resoltos”.
A deputada do BNG Olalla Rodil, preguntou á conselleira polas inspeccións de servizos sociais que leva a cabo o seu departamento, logo de que a Xunta fechara dúas residencias de maiores por denuncias dos familiares e casos “de desnutrición”. Rodil preguntoulle a García “como é posíbel que se fechen dúas residencias e non pase nada”, en referencia a que ninguén na Consellaría de Política Social asumiu responsabilidade ningunha polos graves feitos denunciados polos familiares en Amoeiro e Xinzo.
No caso do feche da residencia de Amoeiro, tal e como publicou Nós Diario o pasado mes de outubro, a Xunta tardou 23 días en fechar un centro no que os servizos de inspección constataron por denuncias dos familiares "casos de desnutrición". Xa daquela o BNG pediu a Rueda o cese da conselleira de Política Social, que lonxe de asumir responsabilidades dixo esta cuarta feira que o seu departamento actuou "con contundencia”.
Rodil afirmou que "seguimos agardando a que alguén diga algo e asuma responsabilidades por un feito gravísimo”. García acusou o BNG "dunha irresponsabilidade maiúscula" polo que considerou “desacreditar o servizo de inspección da Xunta". A conselleira acusou o BNG de “xerar inseguridade aos usuarios e familias dos centros” e atribuíu á “profesionalidade” do servizo de inspección as competencias.
Residencias privatizadas
As residencias de maiores de Bande e do Carballiño —con 50 prazas a primeira e 80 a segunda— non van ser de xestión pública malia que a súa titularidade é pública, da Xunta da Galiza. O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou na segunda feira logo da reunión do Consello da Xunta que o seu Executivo comeza o procedemento para contratar a xestión privada de ambas as residencias, por un importe de sete millóns de euros.