Luís Bará acusa de "presunta prevaricación ambiental" á Xunta por eliminar a protección dos terreos que quere empregar Altri
O deputado do BNG Luís Bará acusou de "presunta prevaricación ambiental" á Xunta da Galiza porque "fixeron desaparecer" a zona de amortecemento ao sueste da Serra do Careón dos mapas da estratexia de infraestrutura verde, segundo sostén, para favorecer a Altri, xa que era "un obstáculo importante na declaración de impacto ambiental" para a súa fábrica en Palas de Rei (A Ulloa).
"Atéñase ás consecuencias quen teña responsabilidade", avisou. Así, na Comisión de Ordenación Territorial, Bará denunciou que esta "desprotección" da zona nos municipios de Palas de Rei, Santiso (Terra de Melide) e Agolada (O Deza) coincide con terreos do proxecto da "macrocelulosa", a pesar de que en 2012 o propio Goberno galego a contemplaba para a súa inclusión en Rede Natura, segundo dixo.
En resposta, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, defendeu que este é un plan estratéxico cunha "identificación inicial" para formar parte da estratexia, polo que non expón unha "declaración formal", que se fará a posterior. Por iso, xustificou que "a cartografía non é unha foto fixa", "nin definitiva", xa que se trata dunha "proposta que se pode modificar" e non "pode darse como definitiva".
Ademais, Enrique de Salvador asegurou que "non houbo actuación de empresa ningunha na redacción" da estratexia. Apuntou que, como "non é unha declaración formal", "nada se pode eliminar ou engadir", á vez que "tampouco a súa identificación supón un status de protección".
"Nin se protexe nin se deixa de protexer", indicou. "No caso dos proxectos que se teñan que ser sometidos a avaliación ambiental ordinaria, a localización das instalacións en zona de infraestrutura verde non vai afectar ao procedemento da avaliación ambiental", aseverou.
Ademais, o responsábel do Instituto de Estudos do Territorio relatou que "a orde estatal define as áreas de amortecemento como redes de transición que non están en zonas a protexer, senón que permiten compatibilizar distintos usos".
Recurso de Adega
O colectivo ecoloxista Adega anunciou o pasado mes un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) á estratexia galega da infraestrutura verde, un documento de planificación da Xunta que publicou o Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 10 de febreiro por "consolidar a desprotección" para a zona en que quere implantarse a fábrica de Altri.