Ana Miranda require ao comisario de Pesca avaliar "con urxencia" o impacto de Altri nos recursos mariños e o medio ambiente

A eurodeputada do BNG Ana Miranda, esta cuarta feira na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo. (Foto: Nós Diario)
Así o fixo durante o debate que tivo lugar na Eurocámara sobre o 'Pacto europeo dos océanos', onde pediu ao Comisario de Pesca, Costas Kadis, que, cando viaxe á Galiza, se reúna coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, instou esta cuarta feira a Comisión Europea a avaliar "con urxencia" o impacto da "macrocelulosa" que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) tanto sobre o medio ambiente como sobre os recursos pesqueiros galegos, en especial os da ría de Arousa.

Así o fixo durante o debate que tivo lugar na Eurocámara sobre o 'Pacto europeo dos océanos', onde pediu ao Comisario de Pesca, Costas Kadis, que, cando viaxe á Galiza, se reúna coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

"Nesa ría traballan mariscadoras e mariñeiros, nesa ría a pesca e o marisqueiro é a principal actividade económica", incidiu Miranda, que tamén alertou de que o traballo destes profesionais do sector do mar e os recursos mariños "están ameazados" pola celulosa que "o Goberno galego quere instalar no centro da Galiza.

"Gran berro social"

Durante a súa intervención, Miranda explicou que este "macroproxecto" verterá, a través do río Ulla, millóns de litros de auga "directamente ao mar, pondo en perigo a actividade marisqueira da ría de Arousa, a máis produtiva do país".

Así mesmo, fixo referencia ao "gran berro social" e pediu ao comisario que "escoite a esa xente", en relación ás miles de persoas que se manifestaron en Compostela e na Pobra do Caramiñal (O Barbanza) contra a instalación de Altri na Ulloa.

Por estes motivos, Miranda defendeu que a Comisión Europea "non pode autorizar" fondos comunitarios a un proxecto que "contaminará o mar e a terra" e que, segundo os estudos científicos citados pola eurodeputada, "vulnerará até 14 directivas europeas".