Lino A. Costas: "Esquerda Unida vese contaminada polo papel de Sumar no Goberno español"
Dúas candidaturas concorren no proceso interno de Esquerda Unida (EU) para a renovación da súa Coordinadora Nacional de cara á XIV Asemblea Nacional da formación, que terá lugar o vindeiro 12 de abril.: 'Máis necesarias que nunca' e 'Esquerda Unida cara ao socialismo', esta última encabezada por Lino A. Costas, de Ponteareas (O Condado), é unha delas. Dela fan parte, entre outras, Eva Solla (ex deputada de AGE, coordinadora nacional de EU e membro do comité central do PCE) ou Jorge Grego, secretario nacional do PCG.
—Que os leva a presentar esta candidatura á Asamblea Nacional de EU?
Temos a nosa propia perspectiva á hora de considerar o que queremos para Esquerda Unida e que papel debe de ter. Cremos que debe de recuperarse o papel que tiña EU como alternativa non só institucional senón retomar o seu papel anticapitalista e de pular polo socialismo. É necesario recuperar esa vertente.
—Fan un chamamento a "fortalecer a esquerda".
En primeiro lugar temos que partir do que nos corresponde a nós, que é fortalecer a nosa propia organización. Con todos estes procesos de confluencias dos últimos anos perdeuse en certa medida o traballo interno de EU, o traballo organizativo, e a organización foise diluíndo neses procesos. Agora toca recuperala, crecer en militancia e mellorar o noso traballo.
—Cal consideran que debe de ser o papel de EU en relación a Sumar?
Non cremos que teñamos un papel dentro de Sumar. Se as circunstancias se dan e chega un momento en que temos que traballar conxuntamente, pois farase, pero desde o respecto a todas as partes.
—Afirman que Esquerda Unida debe de ter "autonomía de decisión".
Nós temos o noso propio proxecto e o noso propio programa. A partir de aí, se é posíbel chegar a acordos, chegarase. E se non, xa miraremos o que faremos. Sen desbotar a posibilidade de frontes máis amplas, estas deben de ser en función duns obxectivos e non por votos.
—Cal é a situación de Esquerda Unida hoxe en día na Galiza?
Agora mesmo está bastante debilitada. Precisamente por iso insistimos en que a principal tarefa debe de ser recompor e fortalecer a organización. Está debilitada por estes procesos de confluencia que sinalaba antes e polo propio papel da participación no Goberno español de EU, aínda que sexa de forma moi minoritaria e tentando manter un perfil propio; vese contaminada polo papel de Sumar e do Goberno [español]. Asumir esta contradición moitas veces para unha organización como a nosa implica dificultades, falta de comprensión entre a propia militancia, desafeccións.
—Como resumiría as propostas da candidatura?
Estamos nun momento no que hai que deixarse de mornezas, hai que recuperar os valores da esquerda e de confrontar coa dereitización social que estamos a padecer
—Como confrotar esa "dereitización"?
Estanse a asumir pola esquerda cuestións que hai uns anos non serían aceptábeis. E partes da sociedade poñen en cuestión dereitos e conquistas que até non hai tanto parecían intocábeis, como as pensións. Hai uns parámetros que non son os noos, hai moito que sachar aí.
—Que pode achegar EU para avanzar nese sentido?
Nós traballamos por un enfoque de esquerda, de confrontacióbn con este sistema. Para empezar, o que agora é máis urxente é facer fronte a esa idea de “economía de guerra” á que nos quere levar a Unión Europea e á que non está a facer fronte o Goberno do Estado. Non podemoas entrar por esa vía.