Dúas candidaturas compiten por liderar Esquerda Unida na Galiza
Dúas candidaturas concorren no proceso interno de Esquerda Unida (EU) para a renovación da súa Coordinadora Nacional de cara á XIV Asemblea Nacional da formación, que terá lugar o vindeiro 12 de abril. 'Esquerda Unida cara ao socialismo', encabezada por Lino A. Costas, de Ponteareas (O Condado) e que fontes consultadas sitúan como "próxima" ao PCG é unha das candidaturas. A outra, que se presenta baixo o lema 'Máis necesarias que nunca' —e que esas mesmas fontes sitúan como máis en liña co proxecto Sumar e con Yolanda Díaz, se ben na mesma tamén están militantes do Partido Comunista de Galicia (PCG)— está encabezada por Alba Torreiro, de Vigo.
Nesta última candidatura destacan nomes como o de María Rozas —no número dous—, que é primeira tenente de Alcaldesa de Compostela e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais na capital galega por Compostela Aberta. Nesta lista tamén figuran nomes como o de Rubén Pérez Correra (nº8), secretario de Estado do Ministerio de Mocidade e Infancia; ou Juan Fajardo (nº6), ex deputado no Parlamento galego pola Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e concelleiro en Vilagarcía de Arousa. Esta candidatura aposta en "reforzar o municipalismo" de EU e "reclamar o noso espazo na esquerda galega".
"Desconexión da Dirección"
As integrantes desta lista consideran que a organización pasaba "por un momento difícil, cunha desconexión da Dirección coas bases e cunha perda de militancia moi grande". Ante esta situación, indican, "compañeiros e compañeiras de base e de diferentes agrupacións municipais", elaboraron esta candidatura coa finalidade de "reactivar" Esquerda Unida e de "respectar a pluralidade" da formación política.
Comprométense a que as "decisións claves e consulten coa militancia" e a que "EU sexa coñecida e recoñecida polo seu bo traballo".
"Autonomía de decisión"
A outra candidatura, a encabezada por Lino A. Costas, tamén inclúe varos nomes coñecidos. Entre eles o de Eva Solla (nº8), ex deputada de AGE, coordinadora nacional de EU e membro do comité central do PCE; ou o de Jorge Grego, secretario nacional do PCG. "Temos clara a necesidade de plantar cara á deriva reaccionaria da nosa sociedade", afirman desde esta candidatura. Unha deriva, apuntan, que "non ven soamente da dereita e ultradereita política", senón que sitúan nela a "supostas forzas progresistas". Instan á "urxente necesidade de fortalecemento da esquerda" e, no plano institucional, a "reafirmar EU-IU como opcións electorais con propostas propias e autonomía de decisión".
Documento político
No Documento Político aprobado pola Coordinadora Nacional de Esquerda Unida faise unha lectura cfrítica destea anos de alianzas. "Desde 2009, Esquerda Unida viuse sumida nun proceso de subordinación crecente a proxectos alleos a través da materialización concreta da idea da “converxencia”. O resultado foi a crecente parálise da organización, a perda de capacidade de análise, posicionamento e acción propia e a desafección militante. A principal lección é que sen unha organización forte no organizativo e ideolóxico e con dinámicas de acción colectivas, a converxencia arrástranos tendencialmente á inacción".