Junts avanza o seu 'non' ao decreto do 'escudo social'... mais o Goberno español non o dá por perdido
A portavoz de Junts no Congreso, Míriam Nogueras, confirmou que o seu partido votará en contra do novo real decreto lei de 'escudo social' que inclúe, entre outras cuestións, a prórroga da suspensión de desafiuzamentos para fogares vulnerábeis sen alternativa habitacional cando o arrendador é un 'gran tenedor' ou un 'fondo voitre', e do bono social enerxético até o 31 de decembro de 2026.
Nogueras sinalou que o Goberno de Pedro Sánchez tentou "coar" a semana pasada nun mesmo decreto as pensións "co tema das ocupacións", pero desde a súa formación non "comeron o sapo" a pesar da "chantaxe, as presións e as mentiras" do Executivo. "O Goberno español tivo que rectificar", resaltou. Con todo, a portavoz de Junts anunciou nun vídeo publicado en Instagram esta terza feira que, tras ler "a letra pequena", votarán en contra de prorrogar as medidas sobre a moratoria antidesafiuzamentos ao entender "que non só non soluciona o problema, senón que é inxusta", polo que o decreto do Executivo previsibelmente non sairá adiante na Cámara Baixa.
"O custo deste escudo social, do que tanto enchen a boca as chamadas esquerdas españolas, están a pagalo o pequeno propietario e os veciños", reprochou. En declaracións difundidas previamente por Junts, Nogueras defendeu que o "custo" da moratoria dos desafiuzamentos de persoas vulnerábeis debería correr por conta do Goberno. "Se hai diñeiro para pagar millóns de euros aos inspectores de Facenda, ten que habelos para pagar a aquelas persoas que realmente o necesitan", subliñou.
Segundo Nogueras, o Executivo de coalición tivo "seis anos para atopar unha solución" ao que ela denomina "o problema das ocupacións", pero foi incapaz de "facer os deberes" nesta materia, dixo. Junts, iso si, xa garantira o seu apoio ao decreto lei específico das pensións, á vez que celebrou que finalmente o Executivo accedese a incluír a revalorización das pensións nunha norma específica.
A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, afirmou esta cuarta feira que o Goberno vai "pelexar" para que o Congreso non tombe de novo o decreto do escudo social. Neste contexto, sinalou que seguirán negociando con Junts: "Nós imos pelexar para que non sexa así. Eu espero sinceramente que non sexa así. Creo que o Goberno demostrou ao longo destes anos de dificultade, e con moita máis dificultade quizais nesta última lexislatura, ser capaz sempre de dar pasos para avanzar, e se hai unha materia onde merecemos avanzar, e merecemos dar esa resposta que reclama a cidadanía, é na política de vivenda", subliñou.
A ministra, en declaracións a TVE, indicou que se Junts vota en contra do decreto do escudo social "terá que explicalo aos cataláns", porque o Goberno fixo "moi difícil votar que non". "Desde logo, é moi difícil votar que non á suba das pensións, pero non atopo a diferenza en votar que non a todos os cataláns que fixeron obras nas súas casas de rehabilitación confiando en deducións fiscais e que agora Junts lles queira dicir que non as van a poder ter na súa declaración da renda. Como non entendo que Junts queira que persoas que teñen dificultades en pagar a factura eléctrica estean a pasar frío, sabendo que hai disposto orzamento do Estado para asumir esas axudas", recalcou.
Así mesmo, engadiu que non entende a negativa do partido fronte á moratoria antidesafiuzamentos que actúa cando o arrendador é un 'gran tenedor' ou un 'fondo voitre' ou á prórroga do bono social enerxético. "Non entendo que Junts, que dicían que a eles o que lles preocupaba era a delincuencia, a 'okupación', e que queda claro que iso non é o que se contempla neste decreto, queira deixar frías a persoas discapacitadas, a persoas maiores ou a persoas con fillos que hoxe necesitan desta axuda, desta panca pública para non ser desafiuzados" expresou a ministra.
Por iso, Isabel Rodríguez asegurou que pretende seguir negociando con Junts e co resto de grupos parlamentarios para aprobar as medidas do escudo social do decreto ómnibus que inclúe a prórroga da suspensión de desafiuzamentos para fogares vulnerábeis e sen alternativa habitacional. Na súa opinión, convén "sacar a polarización" desta cuestión.
Ademais, a ministra de Vivenda cargou contra o PP, ao que acusou de tombar as reformas do Plan estatal de Vivenda que estaban incluídas no decreto omnibús, que os 'populares' rexeitaron xunto coas axudas ao transporte publico. Ao ser preguntada polos motivos polos que cre que os 'populares' rexeitaron as medidas, a ministra suxeriu que se debe a un "mero cálculo electoralista" similar á negativa das comunidades autónomas de negociar na Comisión Multilateral de Vivenda, indicou.