AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... JORGE MIRA

Jorge Mira considera que “Galiza quedou borrada” nesta lexislatura

Jorge Mira [Imaxe: cedida]

Jorge Mira é físico, investigador e divulgador científico. Actualmente é catedrático da área de Electromagnetismo do departamento de Física aplicada da USC.

Jorge Mira considera que nesta lexislatura Galiza perdeu peso respecto das outras zonas do Estado, que si contaron con representación propia nas cortes; “algunhas con representación nova, e que foron decisivas”, en alusión á formación valencianista “e outras como as forzas canarias incluso marcaron o desempate nalgúns casos”, afirma en referencia á moción de censura. “Mais Galiza quedou borrada”, considera Mira, “como se puido ver nos orzamentos, onde saímos perdendo”.

 

Galiza xógase reproducir o mesmo que pasou, ou non

 

O futuro que o país disputa nestes comicios resúmeo Mira de maneira concisa e clara: “Galiza xógase reproducir o mesmo que pasou, ou non” e engade que “estamos apartados do taboleiro de xogo, sendo cada vez máis patente a asimetría no tratamento ás comunidades autónomas”

 

En canto a relevancia que se dá á ciencia na política, o profesor Mira considera que se produciu un retroceso moi grande desde a crise. “Agora por fin parece que se vai recuperando algo, e o ministro Pedro Duque non me desagrada”, pois argumenta que “está a colocar a ciencia na política”. Aínda así, apela a non confiarse, porque a ciencia precisa moito máis impulso na política.