O "irmán" de Feixoo pide o voto para o BNG en Compostela
O actor Luis Zahera, que na ficción ten representado o papel de 'irmán' ou dobre de Alberto Núñez Feixoo polo seu parecido físico, traslada o apoio ao BNG para que Goretti Sanmartín se converta “na alcaldesa que lle pode dar unha volta ao Concello de Santiago”.
O actor Luís Zahera amosa o seu apoio á candidatura nacionalista en Santiago de Compostela, co obxectivo de impulsar unha mudanza política na cidade.
Zahera, que en parodias ten representado o papel de irmán de Feixoo ou do propio Feixoo polo seu parecido físico, explica a súa decisión para conseguir que Goretti Sanmartín se converta “na alcaldesa que lle pode dar unha volta ao Concello de Santiago”.
O actor, gañador de numerosos galardóns entre os que figuran catro premios Mestre Mateo, dous Goya e os do Festival de Cans, expresa que o seu corazón é compostelán e apoia o BNG.
“Xa sabedes que na ficción son o irmán pequerrechiño de Alberto Núñez Feijóo e na realidade o meu corazón é compostelán e quero mostrar o meu apoio ao BNG”, sinala Zahera no seu video.
O apoio de Zahera
Zahera revela “o meu apoio a esa posíbel alcaldesa Goretti Sanmartín, porque creo que lle pode dar unha volta ao Concello, unha volta a Compostela”
O actor defende a proposta de Goretti Sanmartín “porque unha muller sempre vai facer moi ben as cousas”.
O paso adiante de Zahera faise público canda diversas sondaxes certifican unha dura batalla polo Goberno da capital da Galiza, presentando ao BNG como unha forza en alza.