Un informe da secretaría de Viana propón cesar un edil tránsfuga do cargo no Goberno local
As consecuencias da sentenza do Tribunal Supremo (TS) que dita que os edís tránsfugas non poden ocupar novos cargos nos equipos de Goberno seguen a estenderse na Galiza, agora en Viana do Bolo. O seu primeiro impacto recaeu na Deputación de Ourense a mediados de mes co cesamento do vicepresidente, Miguel Caride. Caride ocupárao en setembro tras abandonar Democracia Ourensá.
Un informe da Secretaría da institución cuestionou a legalidade desta designación. Fíxoo en virtude dese auto do Tribunal Supremo que, nunha interpretación do artigo 73.3.3º da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, prevé que "os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles correspondesen de permanecer no seu grupo".
O caso de Viana do Bolo
En xullo, dous concelleiros do PSdeG de Viana do Bolo, Abelardo Carballo e Santiago Barja, abandonaron o partido. En agosto, presentaron unha moción de censura xunto cos catro concelleiros e concelleiras do Partido Popular en contra do entón alcalde, o nacionalista Secundino Fernández. Propúxose como candidato á alcaldía a Abelardo Carballo.
Case tres meses despois, un informe da secretaría local analiza como afecta a sentenza do TS a moción de censura, ao nomeamento de Carballo como alcalde e ao de Santiago Barja como membro da Xunta de Goberno, 2º tenente de alcalde e edil de Política Rural así como as retribucións de 16.000 euros anuais designadas por senllas dedicacións parciais.
O documento, ao que tivo acceso Nós Diario, conclúe que debe procederse a revogación das competencias de Santiago Barja e mais a súa remuneración. A secretaría engade que o actual alcalde de Viana, Abelardo Carballo, tamén debe renunciar a súa retribución.
Mantense a alcaldía
En tanto, o informe agrega que o artigo da Lei reguladora de bases do réxime local "non pode limitar nin privar aos concelleiros non adscritos do seu dereito a subscribir unha moción de censura nin a ser nomeado alcalde como consecuencia desta". Así, Abelardo Carballo mantería a alcaldía sen percibir remuneración.
O documento remítese a unha sentenza do Tribunal Constitucional. Nela, resolve que o dereito a participar dunha moción de censura sitúase no "dereito a participar na actividade de control do Goberno local". E agrega que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral estabelece que "calquera concelleiro" pode ser candidato á Alcaldía nunha moción.
Castrelo de Miño
A mesma sentenza do TS motivou un recurso do PSdeG contra o Goberno de Castrelo de Miño por un caso semellante. Dous edís tránsfugas deste partido asinaron xunto co PP unha moción de censura ao alcalde do BNG o pasado mes de agosto. Despois de que prosperase, ambos os dous obtiveron melloras económicas e políticas.