Independentistas de base anuncian voto colectivo para o BNG

Após unha asemblea e posterior votación telemática, 'Galiza em Pé!' toma a decisión 'colectiva' de apoiar o BNG o 25 de setembro. Un apoio “puntual” e “en chave de país” mais que, advirten, non é un “cheque en branco”.

O independentismo de base representando en Galiza em Pé!, convocante da manifestación independentista do pasado 25 de xullo, anuncia a "decisión colectiva" de votar BNG nas eleccións do 25 de setembro. Unha decisión adoptada após a asemblea realizada en Compostela o pasado 11 de setembro e dun proceso de votación telemática na que tomaron parte independentistas das diferentes comarcas do país.

Galiza em pé! [Foro Independentista Galego] convoca os sectores independentistas “hoje sem referente político válido” a que voten polo Bloque Nacionalista Galego nesta cita electoral. Nun comunicado explican que esta decisión responde a dúas únicas motivacións. Por unha banda, contribuír a fechar o ciclo de gobernos autonómicos pola dereita que Galiza padece “de jeito quase ininterrompido desde 1981 e abrir assim o terreno de jogo da política nacional trás décadas de bloqueio do Partido Popular”. Por outra, evitar un Parlamento Galego exclusivo de “forzas constitucionalistas espanholas” e outras que “galegas, optárom por própria vontade e interesse por se subordinarem a àquelas, sacrificando qualquera perspetiva de construçom e liberaçom nacional”.

Nin aval nin cheque en branco

Esta petición de voto é puntual e faise “em chave de País”, matizan. En absoluto é, engaden, un aval ou cheque en branco para a dirección do que cualifican como "nacionalismo tradicional", nin de adhesión ao proxecto do BNG, “que carece de vontade e estratégia independentistas”. Galiza em Pé! sitúa a independencia como única vía para permitir a construción dun modelo socio-económico ao servizo da maioría. Por iso, pon como “tarefa urgente” crear as condicións acaídas para a construción dun proxecto político “amplo” cara á independencia.