Homenaxe a Camilo Nogueira, esta tarde no Auditorio da Galiza

Camilo Nogueira

No acto intervirán os portavoces dos catro grupos parlamentarios, entre outros.

Esta sexta feira, 11 de novembro, réndeselle homenaxe ao político, enxeñeiro e economista Camilo Nogueira. O acto terá lugar ás 19:00h no Auditorio de Galiza, en Compostela. Estará conducido por Fernanda Tabarés, Manolo Rivas e Suso de Toro. Intervirán Pencha Santasmarinas, Ana Gandón, Ana Miranda, Xaquín Leiceaga, Ana Pontón, Pedro Puy e Luís Villares. Ademais, actuarán os grupos musicais Tundal,  Pardal na rúa e Uxía. Máis de 700 persoas xa se sumaran a esta iniciativa a finais da semana pasada. 

“A idea de facer esta homenaxe é que Camilo é unha referencia deste país, unha persoa que tivo moito a ver na construción da autonomía, en que hoxe teñamos un goberno galego”, declarou Fernández Prieto, un dos promotores desta homenaxe. Pencha Santamarina lembra que o acto no Auditorio vai ser aberto, de entrada libre e de balde, “un acto aberto a todo o mundo porque Camilo meréceo”.

Nogueira é un dos nomes máis significativos do nacionalismo galego. Defendeu os dereitos da Galiza como pobo, ao tanto que a lingua e a cultura galega. A súa loita tamén está vencellada aos dereitos laborais e aos sectores produtivos galegos.

Desde moi novo participou no movemento nacionalista de posguerra, participando e promovendo formacións como a Asemblea Nacional Popular Galega, o Partido Obreiro Galego, Esquerda Galega e a Unidade Galega. Ademais, colaborou nos movementos obreiros de Vigo no 1972. Foi deputado do Parlamento de Galiza e do Parlamento Europeo. No 2005 a Associaçom Galega da Língua elixiuno membro de honra.

Este ano recibiu o premio Trasalba. A Fundación Otero Pedrayo destacou a súa entrega á causa de Galiza e a súa vocación e compromiso europeísta, na mellor tradición da xeración Nós.