Herrira reúnese en Galiza con diferentes organizacións para informar da realidade d@s pres@s vasc@s

Representantes da CIG e Herrira

Unha delegación do colectivo solidario vasco mantivo unha rolda de contactos con organizacións políticas, sindicais e cidadás para explicar a situación na que se atopan os máis de 700 presos vascos

Unha delegación de Herrira, movemento de solidariedade para cos presos políticos vascos, estivo estes días na Galiza, onde mantivo xuntanzas con diferentes organizacións e entidades, como o sindicato CIG, o BNG ou co grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerdas, entre outros. A presenza na Galiza de Herrira procura dar a coñecer e explicar a cidadanía galega a realidade da situación que están a padecer os presos vascos.

Supresión da Doutrina Parot

Entre as súas reivindicacións, Herrira reclama a supresión da doutrina Parot entendendo que contravén os dereitos humanos.Con este motivo puxo en marcha unha campaña a nivel internacional para denunciar as consecuencias da súa aplicación.A doutrina Parot está a provocar que da orde de 70 presos que poderían estar xa na rúa sigan a cumprir condena superando xa mesmo os 30 anos de cadea.

Herrira reclama ademais a excarceración dos presos gravemente enfermos para o axeitado tratamento das súas enfermidades.  

Polo diálogo e coa maioría social de Euskal Herria

A prioridade de Herrira é a construción dun espazo político de diálogo e a defensa do respecto aos dereitos humanos dentro das cadeas. Defínese como movemento popular de carácter plural e conta co apoio da maioría social en Euskal Herria.