Parlamento

O Grupo Común da Esquerda busca garantir o benestar animal

Marcos Cal, Luca Chao e Rubén Pérez na rolda de prensa na Cámara galega (Nós Diario).
Levarán ao Parlamento da Galiza unha batería de iniciativas para que se cumpra coa lei de Benestar animal aprobada no país

O Grupo Común da Esquerda anunciou esta segunda feira que levará ao Parlamento da Galiza unha batería de iniciativas para que a lei de Benestar Animal non fique "noutro exercicio de publicidade e propaganda do Partido Popular".

Así o trasladaron a súa portavoz Luca Chao e o deputado Marcos Cal nunha comparecencia conxunta co presidente da asociación animalista Libera, Rubén Pérez Sueiras.

Chao reclamou á Xunta un "compromiso claro" co benestar animal e lamentou que a lei galega para garantir estes dereitos animais "ten moitísimas carencias" e "colleitou no seu día a reprobación da totalidade dos colectivos animalistas".

A portavoz do Grupo Común da Esquerda destacou que "garantir unha relación respectuosa e de coidado con todos os seres vivos" será unha das liñas de traballo tamén no Estado "coa estupenda oportunidade que supón ter a primeira dirección xeral de benestar animal da historia".

Espectáculos sen animais

As iniciativas parlamentarias consistirán en "garantir" os espectáculos sen animais silvestres, a "supresión dos mal chamados campionatos de caza" que desde Común da Esquerda consideran unhas verdadeiras "macrobatidas", a creación dun "rexistro galego de maltratadores de animais" e a elaboración dun "protocolo de actuación para a protección dos animais en caso de incendio".  

"Esta mesma fin de semana asistimos a un capítulo máis da barbarie do masacre de raposos. Un animal que desenvolve un papel crucial no medio natural e que os cazadores exterminan por pracer coa conivencia do Goberno galego, que ignora totalmente a realidade do ecosistema, nin sabe cantos  raposos hai, nin lle interesa", criticou Luca Chao.