Os grandes concellos 'plantan' Rueda no seu Cumio polo litoral
Alfonso Rueda quixo presumir esta quinta feira da primeira competencia que conseguiu a Xunta en 16 anos de gobernos do PP, a do litoral, reunindo alcaldes e alcaldesas en Compostela para limitarse a anunciar que se aumentará o período de apertura dos 'chiringuitos' de praia. Un acto ao que non asistiron representantes das tres maiores cidades costeiras.
As grandes cidades do litoral galego non participaron esta quinta feira en Compostela da reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para abordar o anunciado Pacto polo litoral logo de asumir, o pasado de 1 xullo, as competencias estatais para xestionar os 2.500 quilómetros costeiros do país. Estaban chamados ao encontro un total de 86 concellos do litoral, onde residen máis de 1,5 millóns de galegas e galegos.
Fontes do Goberno local pontevedrés confirmaron a este xornal a súa ausencia do acto de desta quinta feira, así como desde o Executivo coruñés, mais declinaron polo de agora facer valoracións ao respecto.
Nós Diario tamén se puxo en contacto co Concello de Vigo, outra das grandes urbes do litoral galego, mais limitáronse a responder que “o último que temos” arredor do litoral é a primeira fase de rexeneración do Vao, “pendente do informe da Xunta da Galiza”. Sobre esta cuestión, o alcalde, Abel Caballero, dixo na pasada segunda feira que o Concello ten “unha grande actuación” na praia do Vao e criticou que a Xunta “parou o proxecto” logo de asumir o pasado 1 de xullo as competencias en xestión do litoral. “Non nos permiten avanzar coa licitación”, denunciou o rexedor. Esta petición do Concello de Vigo sobre O Vao remóntase ao pasado mes de abril, cando o Goberno de Caballero solicitou a Costas do Estado a concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre para a execución do “proxecto municipal de recuperación ambiental da praia do Vao e a súa contorna”. Criticou Caballero que co cambio de competencias “desde o 1 de xullo até hoxe a Xunta non fixo nada”.
Permisos concedidos
Desde que asumiu o 1 de xullo as competencias do litoral –o único traspaso selado desde que o PP chegou ao poder en 2009– e até este mes de setembro, o Goberno galego concedeu máis de 170 permisos para ocupar o litoral a distintos proxectos, 55,2% deles no litoral da provincia de Pontevedra. Coa asunción das competencias a Xunta herdou tamén 585 expedientes no litoral galego que tiña pendentes de resolución o Goberno español.
Esta quinta feira, no cumio con alcaldes e alcaldesas , Rueda presentou o seu Pacto polo litoral asegurando que “as novas competencias nos tocan a todos” e mostrando a súa intención de falar “con todos” os concellos da costa galega. En ausencia dos principais mandatarios das urbes costeiras galegas, o presidente da Xunta apelou á “cogobernanza” para xestionar a costa galega e prometeu aos gobernos locais “un papel protagonista”, se ben o certo é que nos dous meses que a Xunta leva exercendo as competencias na materia esta é a primeira vez que cita aos concellos directamente afectados.
Alfonso Rueda aproveitou o encontro para anunciar que os 'chiringuitos' costeiros da Galiza poderán desde agora abrir “ininterrompidamente” desde Semana Santa até o mes de outubro.