Gonzalo Caballero carga contra Besteiro: "Tras a debacle autonómica o PSdeG debería tecer e sumar"

Gonzalo Caballero, en Compostela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A crise do PSdeG traspasa as fronteiras da capital galega, e á expulsión dos catro edís de Compostela súmase esta semana a do alcalde do Carballiño, Paco Fumega.

A executiva federal do Partido Socialista comunicou na mañá desta terza feira a expulsión definitiva dos catro edís do Concello de Santiago expedientados por desatender as ordes da dirección local: Gonzalo Muíños, Milagros Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez.

Mais Rosón asegurou esta cuarta feira que esta situación "vai máis alá de Santiago e cambalea o papel do PSdeG na Galiza". De feito, os catro edís expulsados en Santiago fixeron mención esta cuarta feira —nunha rolda de prensa na que afirmaron que estudan acudir á Xustiza— a apoios recibidos, como o do alcalde de Ames (comarca de Compostela), Blas García, ou o de Gonzalo Caballero, ex secretario xeral do PSdeG.

Neste sentido, Muíños afirmou que "isto non é un tema menor e non está correctamente xestionado", subliñando que están "moi decepcionados con Gómez Besteiro", secretario xeral do PSdeG. Precisamente o 8 e 9 de marzo o PSdeG terá o seu congreso nacional, no que Besteiro é o único candidato á secretaría xeral, após Gonzalo Caballero non formalizar a súa candidatura.

Caballero amosouse esta cuarta feira moi crítico con Besteiro e as expulsións: "Tras a debacle autonómica o PSdeG debería acertar cun novo rumbo e liderado, e tecer e sumar. Expulsións: no mesmo día chegan as dos concelleiros socialistas de Santiago e a do alcalde socialista do Carballiño, Paco Fumega", escribiu en redes sociais. A expulsión de Fumega coñeceuse na terza feira, tras o seu pacto co PP.

O proceso congresual inclúe tamén a renovación de cargos locais e provinciais, como o que ostenta Aitor Bouza, secretario en Santiago, e Bernardo Fernández como secretario provincial.