Gómez Reino agradece ao persoal da sanidade o seu rexeitamento aos "subornos" de Feixoo

Antón Gómez Reino, candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, con Eva Solla e Martiño Noriega na manifestación do persoal sanitario en Compostela (Imaxe: Europa Press).
O candidato de Galicia en Común participou da manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública en Compostela. "Precisamos un Goberno galego que coide de quen nos coida", asegurou.

“Precisamos un Goberno galego que coide de quen nos coida, que coide dos nosos sanitarios e entenda que son un elemento fundamental para coidarnos como sociedade”, asegurou Antón Gómez Reino esta mañá, mentres participaba nunha manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública en Compostela.

O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta enviou un mensaxe agradecendo ao persoal o seu “rexeitamento” ao “intento de suborno” do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, en referencia a oposición expresada por colexios profesionais, sindicatos e outras asociacións ao bono de 250 euros para que o persoal da sanidade e dos servizos sociais o empregue en hostalaría ou turismo.  

Vimos de meses moi duros nos que se amosou o enorme compromiso dos profesionais sanitarios co conxunto dos galegos e galegas a pesar dos rebrotes e da precariedade sistemática e deliberada do Goberno do PP e de Alberto Núñez Feixoo durante os últimos anos”, sentenciou Gómez-Reino, acompañado neste xornada por outras integrantes da candidatura como Eva Solla, Luca Chao ou Martiño Noriega.

Gómez Reino cualificou de “anos moi difíciles” para a sanidade galega a década con Núñez Feixoo á fronte do Goberno da Galiza. Esta, segura, ten hoxe “un 21 por cento menos de Atención Primaria e un nove por cento menos de camas”, mentres se produciu o “feche de áreas sanitarias” ou o “intento de pechar o servizo de atención ao parto” no hospital de Verín.

O candidato fixo un chamamento para que o electorado “progresista” acuda ás urnas o vindeiro 12 de xullo para “rematar” cunhas políticas “de recortes, privatización e precariedade” do PPdeG na Xunta.