O goberno local de Betanzos “desmantela” María Balteira e o líder irmandiño Xohán Branco

O Photocall gratuíto instalado polo BNG na Feira Franca para dar a coñecer persoeiros históricos da época tivo que retirarse por orde do Concello, denuncian as nacionalistas, que lembran que até agora nunca houbo problemas.

Desde hai tres anos o BNG instala no marco da Feira Franca Medieval un 'photocall' gratuíto no que as persoas que queiran poden retratarse como a soldadeira María Balteira, o frade copista e tradutor Fernán Martíns ou o escribán e líder irlmandiño Xohán Branco. O espazo instálase durante apenas dúas horas a sexta feira e outras dúas no sábado sen que en anos anteriores houbese problema algún. “Damos a coñecer os persoeiros daquela época e un pouco da nosa historia e tamén explicamos as propostas que temos para a Feira” explica a Sermos Galiza Cris López, da organización nacionalista.

Mais este sábado si que houbo un problema: “Tivemos que desmantelalo”, indica. Explica que dous axentes da Policía Local achegáronse até o photocall para instarlles a retiraloen nome do Concello. Pouco antes pasara por diante un concelleiro do equipo de goberno local “e non nos comentou nada”.

O BNG sinala que o argumento que lles deron eran que carecían de licenza, o que non convence as nacionalistas. En anos anteriores, apontan, nunca se lles requireu ese requisito e o seu photocall non ten vocación comercial e só se instala dúas horas. “Levamos anos pedindo que se publique o regulamento da Feira”, indica Cristina López, “mais sen éxito, nin sequera nos dan unha copia”.

López incide en que ese posto tamén servía para dar a coñecer propostas e medidas para mellorar a Feira Franca, “darlle unha personalidade propia, Betanzos foi capital do Reino da Galiza”. Que se permita ás cuadrillas reservar espazo nas rúas para organizar xantares populares, promover desde o Concello concursos de baixos decorados, de receitas medievais, licores, fotografía, o propio cartel anunciador da festa, implicar ao comercio na decoración do Casco Histórico ou levar a Feira Franca até a Ponte Vella cunha mostra de embarcacións tradicionais son algunhas desas propostas.