O Goberno español prevé concluír a autovía de Lugo "este ano" e abrir en xaneiro o tramo Palas-Melide

O delegado do Goberno español, Pedro Branco, este 10 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

O Executivo estatal afirma que a rebaixa de peaxes é "o gran debate" da AP-9, non o seu traspaso.

O Goberno español prevé que o tramo Palas de Rei-Melide da A-54, a autovía de Lugo, "quede este mes aberto" e que a totalidade da infraestrutura estea finalizada "neste ano".

Así o avanzou o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, a preguntas dos medios tras un acto informativo en Santiago de Compostela, onde ratificou as previsións dadas no seu día polo ministro de Transportes, que sinalou en decembro que este novo tramo estaría operativo "nos primeiros días" do novo ano.

A maiores, tamén ratificou que ao longo deste ano concluirase o último tramo da A-54, entre Melide e Arzúa. "Eu estou convencido de que neste ano teremos toda a autovía perfectamente terminada", dixo o representante do Goberno.

Traspaso da AP-9

No ámbito das infraestruturas, Pedro Branco tamén falou da AP-9, da que rebaixou a un segundo plano a importancia do seu traspaso ou do seu rescate, xa que "o gran debate público e a necesidade das familias é que a autoestrada non custe o que está a custar".

O delegado do Goberno lembrou que está en marcha a "segunda bonificación das peaxes" coa idea de "ir aproximándonos á gratuidade total", que é "o que interesa aos usuarios". "Ese ten que ser o noso obxectivo prioritario, o feito de que se traspase ou non se traspase a súa xestión, iso non garante a gratuidade", resumiu.

Do mesmo xeito, ratificou o compromiso do Goberno de aplicar os descontos á peaxe da autoestrada Santiago-Dozón (AP-53), algo que inicialmente se expuxo para o arranque de 2025. "Está a traballarse niso", dixo o delegado, que fixou "nos próximos meses" a concreción dunha data para a súa posta en marcha, aínda que reiterou que non estará vinculado a que haxa ou non presupostos.