O Goberno español cesará Antonio Hernández, quen fora man dereita de Salazar en Moncloa

O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, o pasado 20 de novembro de 2025 no Congreso. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
A decisión chega despois de que mulleres que traballaban para Salazar denunciaran comportamentos inadecuados deste nas canles internas de denuncia de Ferraz. Hernández foi mencionado polas denunciantes como presunto "cómplice" e "encubridor", aínda que este nega os feitos.

O Consello de Ministros e Ministras cesará esta terza feira Antonio Hernández, quen fora man dereita de Francisco Salazar en Moncloa, do seu cargo como director do departamento de Coordinación Política no Gabinete da Presidencia do Goberno español, tras as denuncias por presunto acoso sexual contra o ex militante socialista.

Segundo confirmaron fontes do Executivo liderado por Pedro Sánchez, trátase un cesamento acordado ou compartido entre Moncloa e Hernández. Estas mesmas fontes precisaron que Hernández, desde que tivo coñecemento da situación do ex asesor, "entendeu que non era sostíbel" e que, desde Moncloa, ao coñecer os feitos actuouse "con contundencia, como sempre".

A decisión chega despois de que mulleres que traballaban para Salazar denunciaran comportamentos inadecuados deste nas canles internas de denuncia de Ferraz. Hernández foi mencionado polas denunciantes como presunto "cómplice" e "encubridor" das condutas do ex dirixente socialista contra mulleres traballadoras do partido.

Con todo, o que fora man dereita de Salazar en Moncloa nega os feitos, mais "entende que debe apartarse polo ben do Goberno". Así mesmo, o até o de agora director do departamento de Coordinación Política no Gabinete da Presidencia do Goberno español renuncia ás súas responsabilidades no PSOE de Andalucía.