O Goberno español abre o procedemento para ilegalizar a Fundación Francisco Franco e notifícao á entidade
O Goberno español, a través do Ministerio de Cultura, abriu esta sexta feira o procedemento previo para instar á ilegalización ante a Xustiza da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) e notificou á entidade este expediente, así como a apertura do correspondente período de alegacións, tal e como confirmaron fontes do departamento.
O proceso para ilegalizar esta fundación arrincou en xuño de 2024, cando Cultura abriu un período de actuacións previas para obter información e elementos de xuízo destinados a motivar o inicio do procedemento. Fíxoo o departamento liderado por Ernest Urtasun, posto que del depende o Protectorado de Fundacións, organismo ao que corresponde instar xudicialmente á extinción.
Así, tras a notificación á FNFF este 31 de outubro ábrese o trámite de alegacións da fundación -teñen 10 días hábiles- e un período de proba -se é que a fundación desexa achegar documentación- tras a que chegará unha proposta de resolución nova e solicitarase un informe á Avogacía Xeral do Estado a partir do cal Urtasun asinará a resolución final -con toda a información- coa que se instará á extinción xudicial. Así, elevarase aos Xulgados de Primeira Instancia do Civil.
Fontes de Cultura confían en que chegue ao xuíz o "máis rápido posíbel" -mínimo pasarán 9 meses até que iso ocorra- mais avisaron de que todo dependerá da estratexia que tome a fundación e dos documentos que achega para defender os seus intereses. Aínda así, razoan que o acordo de inicio para a ilegalización está "blindado" e que as probas que presentan agora serán "moi parecidas" ao que se atopará a Xustiza.
Para armar o expediente solicitáronse informes sobre a Fundación Franco á Secretaría de Estado de Memoria Democrática -que asina un informe con data do 13 de maio de 2025-, ao Rexistro de Fundacións de competencia estatal e á Avogacía do Estado.
Así, no informe realizado pola Dirección Xeral do Consultivo da Avogacía Xeral do Estado explícase que as dúas causas distintas polas que se podería extinguir unha fundación son, por unha parte, que esta non persiga fins de interese xeral e, por outra, que a fundación fai apoloxía do franquismo que enxalza o golpe de Estado de 1936 e a ditadura, ademais de menosprezar e humillar a dignidade das vítimas dese golpe, da guerra e do posterior franquismo. Tamén contempla a incitación -directa ou non- ao odio ou violencia destas vítimas.
Aínda que o informe recoñece que pode parecer que a FNFF ten fins culturais, históricos, biográficos e documentais, a Avogacía do Estado négao alegando que na páxina da entidade indican que entre as súas actividades está manter o arquivo persoal de Franco e asegurar o seu acceso público, cousa que Cultura rexeita engadindo que o acceso é "opaco".
A fundación tamén ten entre os seus obxectivos o mantemento dunha biblioteca de máis de 2.000 exemplares, a loita contra "a mal chamada Lei de Memoria Histórica" e a participación no debate cultural e político do Estado español actual para pór "de manifesto a vida e obra de Francisco Franco e a España que creou".
Por iso, na investigación da Secretaría de Estado de Memoria Democrática conclúen que os fins dos Estatutos da FNFF están vinculados "fundamentalmente" á difusión e promoción das actuacións de Franco, mais dando un punto de vista "inequivocamente positivo" do franquismo, o que vai en contra da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Histórica, que, xunto coa Lei 50/2002, do 26 de decembro, de Fundacións, conforman a normativa aplicábel a este caso de ilegalización da entidade.
Co informe da Avogacía, así como un informe realizado polo catedrático emérito de Dereito Constitucional da Universidade Complutense de Madrid, Javier García Fernández, que investigou sobre a extinción da FNFF, un informe sobre a presenza e representación mediática da fundación e un compendio de testemuños solicitados de vítimas do franquismo en relación coas actividades da fundación, Cultura espera que a Xustiza lle dea a razón.
O importante, segundo explican fontes de Cultura, é que a cidadanía non "pague" a esta fundación que ten incentivos fiscais e beneficios para recibir doazóns polo feito de estar constituída como fundación e amparada na devandita lei. Aínda así, están "seguros" de que a FNFF atopará a maneira de constituírse con outra fórmula que asegure a súa continuidade.
Fontes de Cultura adiantaron que cando chegue o momento -cando os xuíces reciban o acordo de inicio- pedirán medidas cautelares para que a fundación non poida tocar o arquivo histórico nin destruír probas. Así mesmo, apuntaron que a "idea" do departamento de Urtasun é denunciar á FNFF para protexer os documentos de "natureza pública" que lle consta que teñen no devandito arquivo, seguindo o procedemento que o Goberno español levou a cabo no caso do Pazo de Meirás, en Sada (comarca da Coruña).